O Concello abre o prazo de inscrición para unha programación que combina deporte, cultura e servizos de conciliación, incorporando novidades como ciencia divertida, robótica e zumba júnior.
Co final do verán aínda no horizonte, o Concello de Rois xa ten a vista posta no arranque do vindeiro curso escolar. Dende hoxe mesmo, a veciñanza ten á súa disposición un abano de máis de trinta actividades deportivas, socioculturais e de conciliación pensadas para dinamizar a vida do municipio entre os anos 2026 e 2027. Unha oferta transversal que busca tanto fomentar hábitos saudables entre os máis pequenos como ofrecer alternativas de lecer e formación continua para a poboación adulta.
O calendario xa está marcado. As familias e veciños interesados terán ata o 28 de agosto para formalizar as súas solicitudes. O trámite debe realizarse de xeito telemático a través do portal municipal (www.rois.gal), na súa sección de xestións e formularios. Tras o peche das inscricións, a maquinaria administrativa seguirá o seu curso: o 4 de setembro publicaranse as listaxes provisionais e abrirase unha marxe para reclamacións e segunda matrícula entre o 7 e o 11 do mesmo mes. A listaxe definitiva verá a luz o 21 de setembro, deixando todo listo para que as aulas e pistas arranquen a súa actividade o 1 de outubro, cun período de proba que se estenderá ata o 16 dese mes.

Novas tecnoloxías e ritmo para os máis novos
A programación infantil e xuvenil chega este ano con aire fresco. Entre as principais novidades destaca a robótica educativa (para idades de 7 a 10 anos) e os obradoiros de ciencia divertida (a partir dos 4 anos), propostas deseñadas para espertar a curiosidade científica e o pensamento lóxico dende a infancia. Pensando nos adolescentes de entre 13 e 17 anos, incorpórase tamén a zumba júnior.
Estes novos obradoiros sumaranse a unha xa consolidada rede de escolas deportivas que se repartirán entre Rois e Urdilde —co obxectivo de descentralizar a oferta e achegala a diferentes puntos do termo municipal—. Atletismo, ximnasia rítmica, judo, patinaxe artística, tenis, xadrez ou zumba kids completan o abano, ao que se engaden os cursos de natación na piscina de Brión xestionados polas ANPAs.
No plano máis creativo e artístico, a rapazada poderá optar polo multiobradoiro de arte, a cociña creativa, a informática, o teatro co grupo municipal Vacalouras ou a formación na Escola de Música de Rois, que mantén a súa aposta polas agrupacións instrumentais, o coro e a orquestra de cordas.
Axuda real para a conciliación familiar
Máis alá do lecer e a aprendizaxe, o Concello volta a poñer o foco nas necesidades das familias traballadoras. Os servizos municipais de amencer e ludoteca botarán a andar o 9 de setembro nos centros educativos de Rois e Urdilde, coincidindo co inicio do curso escolar.
Para facilitar o acceso a estes servizos, o Concello mantén horarios flexibles e un sistema de bonificacións do que se poderán beneficiar familias numerosas, monoparentais, con membros con discapacidade, ou ben aquelas que matriculen a máis dun fillo ou opten pola inscrición anual.
Saúde e tradición para a poboación adulta
A oferta para os maiores do municipio mantén a súa aposta pola prevención e o benestar. Clases de ioga, pilates, zumba, baile en parella e ximnasia de mantemento (para maiores de 55 anos) convivirán co uso do ximnasio municipal.
A nivel cultural e comunitario, a axenda inclúe os tradicionais talleres de memoria (para maiores de 50 anos), o club de lectura, o teatro, os cursos de encaixe de palillos e a recuperación da música tradicional a través da pandeireta, entre outras propostas coordinadas tamén a través de Chorima.
Dende a administración local lembran que a posta en marcha de cada grupo estará condicionado á demanda e ao número mínimo de participantes inscritos. Toda a información detallada sobre prezos, horarios e descontos pódese consultar na web municipal, no edificio multiúsos, no teléfono 981 816 061 ou a través do correo inscricions@rois.gal.




