- A alcaldesa, María Sampedro, inaugurou a liña compartindo viaxe coa mocidade, a principal usuaria nesta primeira xornada. O novo Servizo de Interese Municipal (SIMU) funcionará durante os meses de xullo e agosto.
O Concello de Ribeira puxo en marcha no día de hoxe o Servizo de Interese Municipal (SIMU), unha nova liña de autobús que conecta de maneira directa o centro urbano coa praia do Vilar. Esta iniciativa froito do acordo asinado entre o goberno local, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia e a empresa concesionaria UTE XG-847.
A alcaldesa do municipio, María Sampedro, quixo comprobar de primeira man o funcionamento do servizo participando nunha das viaxes inaugurais desta primeira xornada. Durante o traxecto, a rexedora estivo acompañada por numerosos mozos e mozas, que se converteron nos principais usuarios e beneficiarios desta medida de mobilidade no seu arranque.

Un impulso ao turismo e á sostibilidade
Dende o Concello destacan que este servizo de transporte público de carácter municipal está deseñado especificamente para dar resposta ao forte incremento da demanda que se rexistra na tempada estival.
A alcaldesa subliñou o dobre beneficio desta medida, que combina o impulso turístico coa protección medioambiental dunha contorna protexida:
“Potenciamos un dos nosos maiores recursos turísticos poñendo en marcha unha conexión directa de autobús durante o verán para o desfrute por parte de veciños, especialmente da xuventude, pero tamén dos visitantes desta paraxe con gran riqueza medioambiental”, sinalou María Sampedro.
Así mesmo, a rexedora fixo fincapé en que este servizo “supón un paso adiante en mobilidade, pois somos conscientes do elevado volume de vehículos que se rexistra nas proximidades ao areal, polo que así animamos a evitar o uso dos turismos durante os meses de xullo e agosto para desprazarse en transporte público”.
Mellora do sistema de transporte
Con este acordo, o Concello de Ribeira busca mellorar substancialmente a oferta actual do sistema de transporte público por estrada dentro do termo municipal. Coa posta en marcha do SIMU, búscase non só facilitar o traslado de viaxeiros de forma cómoda e segura, senón tamén rebaixar de xeito drástico a conxestión viaria e os problemas de aparcamento que adoitan afectar aos accesos da praia do Vilar durante os meses de verán.
FRECUENCIA HORARIA O VILAR




