
A Mesa Xeral de Negociación do Concello de Rianxo vén de aprobar por unanimidade a proposta de Relación de Postos de Traballo (RPT), unha ferramenta clave para ordenar e definir postos, funcións, responsabilidades e adaptar a organización municipal á realidade actual.
Dende o Goberno local lembran “que o Concello de Rianxo era un dos poucos do país que non contaba con este documento, mais despois de moitos anos agardando isto por fin vai mudar”.
Engaden que este “é un paso fundamental e histórico na Administración local”. E apuntan: “Esta proposta chega ao pleno porque houbo vontade política para desbloquear o proceso, predisposición ao diálogo por parte do Goberno local e unha participación construtiva da representación sindical”.
O alcalde, Julián Bustelo, salientou a importancia do acordo: “Non estamos ante un documento calquera, senón ante unha ferramenta clave para ordenar ou Concello, definir postos, funcións, responsabilidades e adaptar a organización municipal á realidade actual”.
O expediente abrangue o organigrama administrativo, a descrición e valoración técnica dos postos, o cadro da RPT e o manual de valoración.



