Os municipios de Boiro e Elciego (Eltziego) oficializan o seu irmandamento

21 Xullo 2026

O Goberno local de Boiro propón para o seu debate a aprobación no pleno do vindeiro xoves 23 de xullo o irmandamento co municipio de Elciego (Eltziego en éuscaro), na Rioxa arabesa. Unha proposta que nace do interese de ambos os dous concellos de formalizar as canles de cooperación entre administracións e veciñanza.

O equipo de Goberno de Boiro argumenta que “os irmandamentos entre municipios constitúen unha ferramenta de cooperación institucional destinada a fortalecer os vínculos entre comunidades, promover o intercambio de experiencias e favorecer o desenvolvemento de iniciativas de interese común”.

Eltziego é un municipio recoñecido pola súa tradición vitivinícola, polo seu patrimonio histórico e arquitectónico e pola súa aposta pola calidade e o desenvolvemento sostible. “A diversidade deste municipio xunto coa de Boiro, constitúen unha oportunidade para o enriquecemento mutuo mediante o intercambio de coñecementos e boas prácticas en ámbitos como a promoción turística e patrimonial, a gastronomía, a cultura ou o desenvolvemento económico”, explican dende o Concello de Boiro, engadindo que “dende hai anos ambos os dous municipios manteñen un forte vínculo ao realizar intercambios culturais e gastronómicos entre a veciñanza de cada concello que se despraza para poñer en valor os seus produtos e dar a coñecer o seu patrimonio e a súa cultura”. Este vinculo veciñal institucionalizase agora con esta proposta de irmandamento que supón un marco permanente de colaboración.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.