O “Pasaporte do Bo Rianxeiro” supera os 4.000 documentos repartidos a unha semana do seu remate

10 Xullo 2026

A Asociación Rianxeira de Empresas (ARE) fixo un balance da actividade xerada pola súa campaña Pasaporte do Bo Rianxeiro, a unha semana de que remate a iniciativa. Segundo informou a ARE, os primeiros datos permiten facer “un balance moi positivo desta iniciativa de dinamización comercial, que está a rexistrar un elevado nivel de participación entre a veciñanza”.

Ata o momento repartíronse máis de 4.000 pasaportes entre os establecementos participantes, “unha cifra que confirma a excelente acollida da campaña”, sinalou a ARE, engadindo a maiores que “varios negocios tiveron que solicitar unha segunda remesa de pasaportes ao esgotar rapidamente os exemplares iniciais, un indicador do interese que esta acción está a espertar entre os consumidores”.

Metodoloxía e premios

A ARE pon o foco na sinxeleza da metodoloxía empregada: realizar compras nos establecementos adheridos, conseguir cinco selos de cinco negocios diferentes e depositar o pasaporte completo na urna do último establecemento visitado para entrar no sorteo final.

O premio consiste nun gran escaparate de agasallos, formado integramente por produtos e experiencias cedidos polos propios comercios participantes. Entre eles destacan moda e complementos de marcas recoñecidas, lentes de sol, ferramentas, produtos de beleza e parafarmacia, artigos para o fogar, bolsos, colchas, lotes gourmet, botellas, vales de compra para gastar no comercio local, así como almorzos, comidas e ceas nos establecementos hostaleiros de Rianxo. “Estamos ante un escaparate que representa a diversidade, a calidade e a riqueza da oferta comercial e hostaleira do municipio”, salienta a ARE, que tamén destaca a innovadora estratexia de comunicación que acompañou a campaña dende antes do seu inicio, coa acción O alcalde ten un segredo, unha proposta que conseguiu converterse nun auténtico fenómeno de expectación: “Durante varios días, Rianxo e boa parte da comarca do Barbanza preguntábanse cal era ese segredo do alcalde. O misterio estendeuse polas rúas, os comercios, as redes sociais e os medios de comunicación, xerando unha importante conversa arredor da campaña antes mesmo da súa presentación oficial”, explica a ARE, lembrando que o desenlace chegou precisamente coa revelación do Pasaporte do Bo Rianxeiro, un lanzamento que acadou unha gran repercusión e que contribuíu a converter a iniciativa nun éxito desde o primeiro día.

Desde a Asociación Rianxeira de Empresas fan unha valoración “moi positiva” desta edición e destacan especialmente a implicación do tecido comercial local, “tanto pola súa participación activa na campaña como pola súa colaboración na creación do gran escaparate de premios”.

A ARE quixo trasladar o seu máis sincero agradecemento a todos os negocios participantes polo seu compromiso e implicación: “Grazas á súa colaboración é posíbel desenvolver campañas deste alcance, capaces de incentivar as compras de proximidade e de fortalecer o comercio local”.

A campaña permanecerá activa ata o 19 de xullo, polo que aínda quedan varios días para completar o pasaporte e participar no sorteo. O 22 de xullo celebrarase o sorteo na sede da Asociación Rianxeira de Empresas, onde se repartirán todos os premios cedidos polos comercios participantes.

Desde a ARE animan á veciñanza a aproveitar estes últimos días para seguir mercando no comercio local, completar o seu pasaporte e optar a un escaparate de premios que representa o mellor do comercio e da hostalaría rianxeira.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.