O Concello de Ribeira aproba o reforzo de servizos básicos con preto de 900.000 euros

28 Xullo 2026

A Corporación municipal de Ribeira celebrou na tarde deste luns 27 de xullo o pleno ordinario correspondente ao mes de xullo de 2026 que tivo como un dos seus puntos centrais na orde do día a aprobación inicial do suplemento de crédito 1/2026 por importe de 877.884,49 euros con cargo ao remanente líquido de Tesouraría para financiamento de accións tales como:

– Obras de saneamento (200.000 euros): colocación de bombeos en Canaveiro, na parroquia de Oleiros; en Espiñeirido e Campelos, na de Olveira; e en Lixó e San Pedro, en Palmeira.

– Melloras en colexios (145.209 euros): climatización da Escola Infantil Municipal.

– Obras de pavimentación (150.000 euros): primeira fase de renovación do aglomerado da avenida de Ferrol e da súa liña de abastecemento. Dáse así cumprimento ao acordo plenario.

– Programa de bonos AmaRibeira (100.000 euros) para unha nova edición dados os máis de 6.000 bonos descargados nesta convocatoria.

– Gastos de persoal imprevistos (104.144,32 euros): pago dunha sentencia do 2025 á Tesouraría da Seguridade Social por unha ex-empregada municipal que traballou para o antigo padroado de deportes e regularizou a súa situación laboral.

– Investimento en edificios e outras construcións deportivas (40.000 euros): mellora da bancada do campo de fútbol sintético da Fieiteira, cambio do chan do ximnasio do complexo deportivo, mellora da iluminación nos polideportivos de Artes e Palmeira e actuacións no campo da Trinidade de Oleiros.

– Organización de actividades deportivas (38.000 euros).

– Adquisición de maquinaria para a Concellería de Obras (30.208 euros) para mellorar as condicións desta brigada e o resultado na sociedade.

– Material de control de tráfico (25.560 euros): adquisición de 10 radares pedagóxicos para colocar en distintos puntos do municipio.

– Maquinaria deportiva para o Centro de Deportes Náuticos (20.000 euros).

– Outras accións de apoio e dinamización comercial (15.000 euros).

– Rehabilitación das deficiencias da iluminación do aparcamento do Centenario (9.773,17 euros).

“Todas estas medidas dan resposta a servizos básicos como son o saneamento e pavimentacións ou as melloras nos colexios, o cal redunda positivamente na cidadanía de Ribeira, en incrementar as prestacións e facilitar o seu día a día que é ao que nos debemos como Concello. Non estamos falando de gastos, senón de investimentos”, defendeu a alcaldesa, María Sampedro.

A rexedora remarcou que “son accións necesarias que precisan dunha resposta e que non se poden aprazar nin poñer en dúbida”.

O dito suplemento de crédito saíu adiante con 20 votos a favor (PP, PBBI, BNG, PSdePSOE e 1 non adscrito) e 1 en contra (concelleiro non adscrito).

Outra das propostas que puxo o Goberno municipal sobre a mesa e que saíu adiante por unanimidade foi a de adhesión á Rede Española de Capitais da Cultura; unha iniciativa que pon en marcha a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para promover a cultura como eixo estratéxico do desenvolvemento urbano, motor de cohesión social, identidade e proxección internacional. En consecuencia, permitirá ao Concello de Ribeira participar activamente nesta Rede e incorporar á acción municipal accións para seguir defendendo e promovendo a cultura, así como reforzar o papel activo da Administración local na planificación, xestión e proxección das políticas culturais.

Deseguido abordouse a proposta presentada polo grupo non adscrito sobre a instalación de baños portátiles nas festas das parroquias para garantir estes servizos en tódalas celebracións patronais e populares, adaptando a súa prestación aos días de festexos e previsión de asistencia aos mesmos, ademais de que, polo menos, un dos aseos, sexa accesíbel para persoas con mobilidade reducida. Ante isto, o Executivo local levou unha emenda de substitución, aprobada por unanimidade, na que se acorda que o Concello estudará a colocación destes baños públicos portátiles en función da viabilidade económica.

En canto a pavimentacións versou a proposta do BNG que atinxe á rúa Barreira para que se redacte un proxecto de renovación do asfalto e se habilite unha partida orzamentaria destinada a tal fin, así como a implantación de medidas que impidan a invasión das beirarrúas e unha nova sinalización horizontal da vía, incluíndo a execución de pasos peonís. O equipo liderado por Sampedro presentou unha emenda de substitución á totalidade, que saíu adiante por unanimidade, centrada en que se procederá coa pavimentación de varias rúas de Ribeira en virtude do estudo feito no plan de pavimentación do actual goberno e tamén se estudará, xunto coa Policía local, a colocación de ditos pasos peonís e a sinalización horizontal tendo en conta os criterios técnicos.

No que atinxe a acondicionamento, o PSdeG-PSOE expuxo unha actuación de limpeza e acondicionamento do lavadoiro da Penisqueira e da súa contorna; asunto ao que o Goberno municipal

presentou unha emenda de substitución, aprobada por unanimidade, na que se compromete a realizar un programa de mantemento e conservación periódico de tódolos elementos patrimoniais do termo municipal con cargo á partida existente no orzamento para este fin.

A última proposta a debater foi a redacción dun regulamento municipal para o control e a ordenación do estacionamento de caravanas, autocaravanas e vehículos vivenda a petición dos socialistas; unha cuestión que contou co respaldo unánime da Corporación.

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.