
O Concello de Boiro leva a cabo neste verán 2026 unha nova edición do Microcamp Tecnolóxico, un curso de robótica, drons, lentes VR (Realidade Virtual polas súas siglas en inglés) e impresión 3D dirixido a rapazada. O prazo de inscrición para participar abre este mércores 22 de xullo.
Esta actividade está destinada a nenos e nenas nados entre 2012 e 2018 e ten como finalidade fomentar a aprendizaxe e desenvolvemento de habilidades tecnolóxicas básicas nunha contorna educativa e lúdica. As persoas participantes aprenderán sobre manexo de vehículos aéreos non tripulados, conceptos básicos de impresión 3D, introdución á realidade virtual, introdución á robótica, uso seguro de Internet e ferramentas dixitais e xogos e actividades didácticas relacionadas coa informática.
O curso desenvolverase os luns, martes, xoves e venres entre o 3 e o 14 de agosto en horario de 10.00 a 13.00 horas na Aula CeMIT do Centro Social de Boiro. As prazas son limitadas e para participar é necesario inscribirse mediante o Rexistro Xeral ou sede electrónica do Concello de Boiro entre o 22 e o 28 de xullo.
As bases para participar, o formulario de inscrición e toda a información está dispoñíbel na web municipal.




