
O Concello de Boiro colabora co Club de Baloncesto Santa Baia na cuarta edición do Torneo 3×3 de baloncesto Concello de Boiro que se desenvolve os días 1 e 2 de agosto; así como co Campus.
O concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, participou na presentación xunto con Guillermo Outeiral, representante do Club de Baloncesto.
Esta proba, que este ano se celebra no paseo marítimo de Barraña, a carón do edificio das Colonias, está dentro do Circuíto Galego de Baloncesto 3×3 e nela van participar un cento de deportistas.
“Decidimos este ano trasladalo á praia de Barraña para que sexa mais vistoso e poder achegar a modalidade de 3×3 en baloncesto á cidadanía”, recoñeceu Guillermo Outeiral.
Ademais desta proba deportiva, por parte do Club de Baloncesto Santa Baia organizan do 3 ao 7 de agosto o Santa Baia Basket Camp 2026, un campus de tecnificación destinado a rapaces e rapazas de entre 6 e 17 anos para mellorar a táctica.
O concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, agradeceu a implicación do Club de Baloncesto Santa Baia “que ten 35 anos de historia e que leva catro anos apostando por traer a Boiro esta modalidade do baloncesto moi atractiva e que vai gañando popularidade ano a ano”.




