O BNG mantén o seu apoio á veciñanza de Aguiño, que continúa mobilizándose en defensa da sanidade pública ante o que “a grave situación que atravesa o consultorio da parroquia”, sinalaron os nacionalistas, engadindo que o Centro de Saúde local “dende o pasado mes de novembro unha das dúas prazas médicas do Centro de Saúde local permanece sen cubrir debido á baixa dunha profesional”. O grupo do BNG, entre o que se atopaba o ex alcalde Luís Pérez Barral, participou na concentración celebrada este venres 3 de xullo diante do ambulatorio.

A formación nacionalista denunciou que “lonxe de mellorar, a atención sanitaria está a empeorar nas últimas semanas” e de feito “está a ser habitual que haxa xornadas nas que o consultorio só conte cunha médica durante tres horas pola mañá, unha situación que está a provocar importantes dificultades para acceder á asistencia sanitaria”.
E engaden que “como consecuencia desta falta de persoal, hai persoas que non poden conseguir unha cita médica e outras vense obrigadas a agardar máis de quince días para seren atendidas polo seu médico ou médica de cabeceira, unha realidade que dende o o BNG consideramos absolutamente inaceptábel para un servizo público esencial”.
A formación nacionalista advirte de que “esta situación resulta aínda máis preocupante durante o verán, cando a poboación de Ribeira e Aguiño dispárase pola chegada de turistas e persoas que regresan á localidade para pasar as vacacións”. A isto, din, “súmase que parte do persoal sanitario tamén desfruta do seu período de descanso e que a Consellaría de Sanidade non está a cubrir esas ausencias, incrementando a presión sobre unha Atención Primaria que xa se atopaba nunha situación límite”.
O exalcalde e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, asegurou que “a realidade demostra que a Consellaría de Sanidade non ten ningún plan para garantir unha asistencia sanitaria digna á veciñanza de Aguiño. Mentres as necesidades asistenciais aumentan durante o verán, o Sergas reduce a capacidade dos centros de saúde de Ribeira e Aguiño ao non substituír as baixas nin as vacacións do persoal”.
Pérez Barral lembrou que “a Atención Primaria é a porta de entrada ao sistema sanitario e non pode seguir soportando esta situación de abandono. As listas de agarda para acceder ao médico de cabeceira son cada vez máis longas e iso supón un claro deterioro da calidade asistencial e un prexuízo para a saúde da cidadanía”.
O portavoz nacionalista reiterou o apoio do BNG ás mobilizacións veciñais e reclamou á Xunta “que adopte medidas inmediatas para recuperar os dous facultativos que lle corresponden ao consultorio de Aguiño e garantir as substitucións necesarias durante o período estival”.
Lamentou tamén “que a alcaldesa de Ribeira non aproveitara a visita desta semana do conselleiro de Sanidade nin do presidente da Xunta para reclamar que se cubran todas as prazas de médicos na localidade, o que demostra que está máis interesada en non molestar aos seus xefes políticos que en defender os dereitos da veciñanza de Ribeira”.



