
O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e mailos concelleiros Raúl Treus e Marcos Fajardo, mantiveron este luns 13 de xullo pola tarde unha xuntanza cos membros da Asociación de Xubilados e Pensionistas Aroña de Lampón para dar conta das últimas actuacións en materia de terceira idade que está a levar a cabo o Concello.
Por unha banda o concelleiro de Política Social, Raúl Treus, explicou a convocatoria das distintas liñas de subvención para dependencia convocadas polo Consistorio. Trátase de axudas de ata o 100% para a realización de pequenas obras de adaptación de vivendas en materia de accesibilidade e dependencia; así como servizos de respiro familiar e conciliación da vida laboral e familiar.
Pola súa parte o alcalde, José Ramón Romero, explicou os pasos realizados para a construción en Boiro dunha residencia da terceira idade. Puxo no seu coñecemento a residencia de 39 prazas que AGADEA vai construír nunha finca municipal no Saltiño destinada á poboación xeral e explicou que “seguimos traballando polo proxecto para unha residencia grande, de 150 prazas, no Plan Parcial de Barraña”.
“Temos un compromiso coas persoas maiores e o noso obxectivo é que Boiro conte cos mellores servizos tamén durante a xubilación”, afirmou o alcalde, que puxo en valor os distintos servizos a disposición das persoas maiores. A xuntanza repetirase nas vindeiras semanas cos membros das demais entidades de xubilados do municipio.




