Na tarde deste 2 de xullo o Museo do Gravado de Artes (MUGART) celebrou os seus 25 anos de andaina cultural, artística, formativa e dinamizadora, nun acto conmemorativo que contou coa presenza (entre outras/os) do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, o portavoz da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández, o director do museo, Pastor Rodríguez, a reitora da USC, Rosa Crujeiras, ou Javier Expósito, coleccionista e fundador do museo.
O titular da Xunta enxalzou o papel do MUGART “como motor cultural e embaixador internacional de Galicia” e o máximo representante da Deputación dixo que o Museo de Artes é “un museo único que proxecta a Ribeira no mundo”.

Un espazo expositivo singular en España
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor a traxectoria do Museo do Gravado de Artes que, desde o seu nacemento no ano 2001, logrou consolidar un espazo expositivo singular en España, converténdose nun motor cultural e un embaixador internacional de Galicia.
Durante o acto polo 25 aniversario deste centro, o titular do Executivo galego, que estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, subliñou que “este espazo democratiza o acceso á arte, demostrando que a contorna local posúe un enorme potencial non só como receptora, senón tamén como unha gran xeradora de propostas culturais de primeiro nivel”.

Así, destacou a magnitude dos fondos do Museo do Gravado de Artes, que custodian máis de 45.000 estampas e unha biblioteca de referencia nacional con 12.000 publicacións e cuxa protección especial xa está a ser tramitada pola Administración autonómica. Así mesmo, fixo fincapé na proxección exterior do museo, cuxas obras viaxaron recentemente a grandes capitais europeas, exportando o selo de excelencia de Galicia polo mundo. Con este motivo, a efeméride coincidiu coa apertura da mostra Imaxe Surreal de Galicia, a primeira exposición que reúne de forma íntegra a produción gráfica do artista ourensán Xaime Quessada, froito dun rigoroso labor de investigación e restauración.
De cara ao futuro, o mandatario amosouse convencido de que este centro seguirá a ser un faro cultural de referencia e “unha parada indispensábel” para os visitantes que cheguen á comunidade coa vista posta na próxima celebración do Xacobeo 2027.

Un museo único
Pola súa banda, o portavoz do goberno da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández, destacou o papel do MUGART como “un museo único” e como unha referencia cultural “para Ribeira, para o Barbanza, para Galicia e tamén para moitos lugares de fóra de Galicia”.
O portavoz provincial lembrou que o museo naceu no ano 2001 e foi recoñecido xa nese primeiro ano como Ben de Interese Cultural e de Interese Galego. Desde entón, sinalou, consolidouse como unha institución de referencia no ámbito da arte gráfica, cun fondo de máis de 45.000 estampas, unha biblioteca especializada de gran valor e obras que percorren a historia do gravado desde o século XV ata as técnicas máis innovadoras do século XXI.
“O MUGART demostra que desde Artes e desde Ribeira tamén se pode chegar ao mundo. E que a cultura feita con rigor e con paixón non entende de periferias”, afirmou Bernardo Fernández, que puxo en valor o traballo desenvolvido polo museo durante este cuarto de século en materia de conservación, investigación, formación, exposicións, publicacións e colaboracións con outras institucións.
Fernández subliñou tamén a importancia da colección do museo, na que conviven nomes fundamentais da arte universal e galega como Goya, Dalí, Picasso, Miró, Durero, Rembrandt, Castelao, Seoane ou Laxeiro. “Conservar unha colección é importante, pero poñela a disposición da sociedade, estudala, difundila e facela medrar é o que lle dá verdadeiro valor público”, indicou.
O portavoz do goberno provincial tivo tamén palabras de recoñecemento para o director do MUGART, Xoán Pastor Rodríguez, polo seu papel decisivo na consolidación do proxecto. “Os proxectos culturais necesitan edificios, fondos e recursos, pero tamén persoas que crean neles, que os defendan cada día e que sexan capaces de abrir camiños novos”, sinalou.
Durante a súa intervención, Bernardo Fernández lembrou que a Deputación da Coruña apoiou o MUGART con máis de 200.000 euros nos últimos dez anos, contribuíndo ao seu funcionamento, ás súas actividades, ás publicacións, aos obradoiros e á difusión dos seus fondos.
O representante provincial destacou tamén a dimensión formativa do museo, especialmente a partir da creación da Escola de Gravado no ano 2017, pola que pasaron xa centos de alumnos e alumnas, artistas, estudantes e persoas interesadas na arte gráfica. Neste sentido, cualificou a ampliación do Taller de Gravado como “unha excelente noticia” porque permite reforzar o MUGART como espazo de creación, aprendizaxe e investigación.
A celebración do aniversario inclúe tamén a exposición Xaime Quessada. A imaxe surreal de Galicia, unha mostra que recupera a obra gráfica do artista ourensán, con restauración de matrices orixinais, impresión de obra inédita, documentación e publicación científica e divulgativa.
María Sampedro: “Celebramos 25 anos de cultura, beleza, creatividade e compromiso cunha sociedade mellor”
Como dixemos, entre as personalidades presentes tamén estaba a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, quen sinalou que “hai aniversarios que non son só unha celebración do tempo transcorrido, son a confirmación de que unha idea, un soño e unha aposta valente eran o camiño correcto”. E engadiu: “Hoxe celebramos vinte e cinco anos do MUGART, pero, sobre todo, celebramos vinte e cinco anos de cultura, de beleza, de creatividade e de compromiso cunha sociedade mellor. Porque a arte non é un luxo. A arte é unha necesidade. É memoria, é identidade, é liberdade. É unha forma de entender o mundo e tamén de transformalo”.
Para a rexedora, “os pobos que apostan pola cultura son pobos máis libres, máis críticos, máis creativos e máis humanos. E por iso un museo como o MUGART ten un valor que vai moito máis alá das súas paredes. É un espazo de encontro, de aprendizaxe e de inspiración. Un lugar onde cada obra nos fala, nos interpela e deixa unha pegada en quen a contempla”.
Sampedro tamén amosou o seu orgullo por ser unha institución museística destas características en Ribeira, o cal converte ao municipio ‘’non referente cultural. E ese prestixio débese, en boa medida, ao MUGART”.



