Este sábado 11 de xullo volve un dos grandes eventos informáticos da tempada na contorna da costa galega: a feira Rianxo Gaming, que chega á súa cuarta edición achegando na praza de Castelao (Campo de Arriba) da vila rianxeira unha completa xornada de lecer, creatividade e formación gamer (durante todo o día). O evento, de acceso totalmente gratuíto, estenderase desde as 11:00 ata as 22:30 horas.

O programa vén con múltiples actividades para seareiros dos videoxogos ou para visitantes en xeral: xogo libre, mostra de xogos retro, arcades, tendas, xantar, música e unha ampla variedade de torneos. Agárdase contar cunha importante afluencia de público.
O evento está promovido polo Concello de Rianxo e a produción técnica é de Lúa Gaming, a empresa galega de deportes en liña e eventos.
Programa do sábado 11 de xullo
11:00 h – Apertura oficial de portas.
11:30 h – Torneo de Rocket League.
12:30 h – Torneos retro de Tekken 4 e Call of Duty: Black Ops II.
13:00 h – Podcast en directo co equipo de Recuncho Gamer.
16:00 h – Torneo de Mario Kart.
16:30 h – Torneos retro de Pokémon Stadium e Dragon Ball Z: Budokai Tenkaichi III.
17:00 h – Torneo de Brawl Stars.
18:00 h – Torneo de EA Sports FC 26.
20:30 h – Entrega de premios comentada por Tai Beatbox.
21:30 h – Concerto de peche a cargo de Akawave.
Zonas Temáticas permanentes
Áreas de Xogo: Zona Retro, Arcade, PC Gaming e Arena de Realidade Virtual (VR).
Tecnoloxía e Drons. Demostracións e voos interactivos coa Galicia Whoop League.
Zona Indie. Presentación de proxectos de estudios galegos como Golpes e Broucadas, Pis-to-le-ro e Fraga.
Lecer Alternativo. Espazo de xogos de mesa e tendas.



