En Aguiño, éxito de público do IX Festival de Canto e Música Tradicional Son’s 2026

01 Xullo 2026

O pasado sábado 27 de xuño a Asociación Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño (AFLM) celebrou a IX edición do Festival de Canto e Música Tradicional Son´s en Aguiño 2026, coa participación de cinco grupos que actuaron nesta orde: AC Bailadela de ribeira, As Setelinguas da AFLM de Aguiño (que eran as anfitrioas), a AF Chorimas de Queiruga, Os Liantes de Artes e como banda cabeza de cartel convidada de fóra da comarca, Lorelia que pechou o festival.

A cita comezou ás 21:30 h coa presentación por parte da presidenta da asociación, Elvira Pisos, e rematou ás 00:000 h coa actuación de Lorelia e a entrega de agasallos conmemorativos (unhas pandeiretas de madeira e metacrilato alusivas ao festival e encargadas a propósito co nome dos grupos participantes, a edición do festival e o logo da Asociación Francisco Lorenzo) que foron entregadas pola presidente e o concelleiro de Festexos Fernando Abraldes, dado que o Concello, a través das áreas de Cultura e Festexos, implicouse colaborando con esta actividade posibilitando a súa celebración por primeira vez en exterior, no parque da Tasca, con gran aceptación por parte do público e dos propios participantes.

Ao rematar a entrega, celebrouse unha foliada libre, con música e baile en comunidade ata aproximadamente a 01:00 h da madrugada. Houbo unha asistencia récord, segundo informou a organización do evento, roldando o medio milleiro de persoas no momento de máis afluencia, sentados e de pé. Na organización colaborando estiveron os membros da directiva: Teresa, Moncha e Carmen Sampedro, Pepita Suarez, María Dolores Ayaso, José Luis de Xan, Pilar e Rosita Millet e Unai González. O parque decorouse con bandeiras galegas e tamén do orgullo tendo en conta que esa noite era a véspera do Día do Orgullo que se celebra cada 28 de xuño; tamén se colocaron lámpadas de luz cálida de verbena, buscando un aspecto de verbena antiga acorde co tipo de música tradicional que estabamos a facer, que deu resultado e foi do agrado de todos os presentes.

A organización agradeceu a implicación de Bailadela, Chorimas e Os Liantes pola súa participación de balde neste festival.

Dende a AFLM explicaron que “hai xa nove edicións que celebramos esta cita, non anos, porque o festival non se celebrou en 2020 e 2021 pola COVID, polo que naceu en 2016”. Engadiron que “se ben o festival celebrouse sempre no interior do Conservatorio de Aguiño, que este ano ao estar en obras, animámonos a dar o salto de facelo no exterior pese a que isto duplica os gastos de organización (escenario, equipos para exterior, etc), pero dado o éxito, decidimos que sempre o faremos en exterior e a poder ser, o terceiro sábado de xuño, polo que o ano 2027 será o sábado 19 de xuño, ás 21:30 h tamén no parque da Tasca e Casa da Cultura Manuel Ayaso de Aguiño”.

Este evento foi posíbel grazas á colaboración do Concello e da deputación da Coruña, pero tamén pola implicación anual mediante patrocinio do proxecto cultural da asociación, de empresas privadas como Farmacia Aguiño, Fripusa, Combustibles Puebla, Digar de Artes, Fabri Barbanza, Restaurante Punta Couso, Loxística Garmou ou CONRESA.

Material vandalizado e roubado

Malia todos estes datos positivos, a festa rematou cunha nota negativa que malia todo non empañou o resultado final. Así, segundo informaron dende a AFLM, non houbo posibilidade de recoller e retirar as bandeiras e as lámpadas festivas (o martes), xa que o material foi vandalizado previamente (cortando bridas e cinta illante), tanto o que se atopaba máis preto do chan como o que estaba situado a máis altura, suxeito ás pólas das árbores (rompendo cables e inutilizando bandeiras para o seu uso).

Ademais, foron roubadas cinco tiras de 45 metros de lámpadas que a asociación mercou para este evento en especial, facendo un gran esforzo económico sumado á cartelería, contratación de Lorelia, ágape e catering para os participantes, agasallos, parte do equipamento e escenario… etc; e todo, indican, “coa intención de que xa nos quedaran para o futuro, só puidemos aproveitar unha tira, roubándonos dúas e inutilizando dúas que non teñen reparación ao quedar en varios anacos no alto das árbores”.

A asociación denunciou publicamente este feito: “Parécenos indignante que alguén roube, a plena luz do día, nun parque público, unhas tiras de lámpadas que se sabe perfectamente que teñen dono, algo premeditado porque tivo que ir con tesoiras ou navalla para cortar bridas e cintas como o fixo. Foi o martes pola mañá, xa que os veciños viron a un home que non coñeceron, a cara destapada quitando as bombillas pero pensaron que sería alguén da organización e non lle deron importancia”.

A AFLM fixo un chamamento para “que se alguén fixo unha foto da persoa ou teños datos sobre o roubo os envíe ao correo aflm.aguinho@gmail.com”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A porta que dá ao tempo”. Xosé A. López Silva

“A porta que dá ao tempo”. Xosé A. López Silva

O 31 de decembro deste ano, un martelo de prata ha petar tres veces contra un muro. O tabique caerá, varrerase o cascallo cun ramo de oliveira, e o que onte era parede volverá ser lugar de paso bendecido polo Arcebispo de Santiago. A Porta Santa da catedral de...