O presidente da Corporación Empresarial CONGALSA, Luis Miguel Simarro, destacou este martes 21 de xullo que a forma de traballar da compañía comparte coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) “a convicción de que a ciencia e a innovación constitúen dúas das principais pancas de investimento de futuro” e mostrouse partidario de promover novas oportunidades de colaboración que “conecten universidade e empresa”.

Así o expresou ante os medios de comunicación durante a visita institucional da reitora da USC, Rosa Crujeiras, á sede de CONGALSA. Luís Miguel Simarro agradeceu a súa presenza e puxo en valor o significado especial que ten para a compañía recibir “a unha reitora de Ribeira, coñecedora da realidade da comarca do Barbanza”.
Unha empresa galega de referencia
Pola súa banda, a reitora da USC mostrou a súa satisfacción por coñecer de primeira man unha empresa galega de referencia como CONGALSA e expresou o seu desexo de establecer canles de comunicación permanentes que abran futuras vías de colaboración para o estudantado e o persoal investigador.

“Ademais da excelencia académica, as universidades hoxe tamén se definen pola súa capacidade para transferir coñecemento, colaborar co tecido empresarial, impulsar a innovación, crear novas oportunidades e contribuír ao progreso do territorio no que están inseridas”, manifestou.
Durante a visita institucional, a reitora asinou no Libro de Honra da compañía e participou nunha reunión de traballo na que coñeceu en detalle a actividade de CONGALSA.
Así mesmo, percorreu diferentes instalacións da empresa, entre elas as parcelas 14 e 15, o showroom e a sala de catas, espazos onde puido comprobar de primeira man os procesos produtivos e a aposta da compañía pola innovación, a investigación e o desenvolvemento de novos produtos.

Fortalecemento de relacións
CONGALSA leva décadas apostando pola innovación como un dos piares da súa estratexia de crecemento e competitividade. A compañía conta cun Comité Científico integrado por expertos en nutrición e profesionais das áreas de I+D e Calidade, que asesoran no desenvolvemento de novos produtos baseados na evidencia científica.
Neste contexto, desde CONGALSA considérase que o fortalecemento das relacións entre universidade e empresa contribuirá a impulsar a transferencia de coñecemento, a captación de talento e a xeración de novas oportunidades de desenvolvemento para Galicia.
Comitiva
A reitora acudiu ás instalacións de CONGALSA acompañada polo vicerreitor de Innovación da USC, Marcelo Maneiro; o delegado da reitora para a Estratexia de Ciencias da Saúde e xefe do Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, o catedrático José Ramón González Juanatey; e a directora da área de Promoción e Xestión da Investigación, Emilio Martínez.
Á súa chegada foi recibida pola directora de Relacións Externas da Corporación Empresarial CONGALSA, Isabel Cañas, antes do saúdo institucional co presidente da Corporación, Luis Miguel Simarro, e a directora xeral de empresa, Noela Prieto.




