Comezan a coller corpo os murais da nova edición de Viladomar

07 Xullo 2026

A pasada fin de semana arrincou en Rianxo a nova edición do certame de murais urbanos Viladomar, organizado pola Asociación Ondiñas Mainas en colaboración co Concello e co apoio de entidades como a Deputación da Coruña. Segundo confirmaron dende a organización, os murais deste ano xa están collendo forma: concretamente tres propostas de Lula Goce, que está a realizar a súa intervención na Martela, de Agustina Shuan, que está intervindo nun inmóbel na Atalaia, e de Alejandro Mosquera, que está a traballar en Buhía.

A nova edición de Viladomar desenvolverase ata o vindeiro día 11. O festival, que cumpre xa sete anos de traxectoria, regresou cunha completa programación que converterá a vila nun espazo de encontro entre artistas e veciñanza, sumando ademais tres novas obras ao seu xa consolidado museo ao aire libre.

A iniciativa, impulsada pola Asociación Cultural Ondiñas Mainas en colaboración co Concello de Rianxo e a Deputación da Coruña, contará nesta ocasión coa participación de tres creadores de prestixio: Lula Goce, Agustina Shuan e Alejandro Mosquera.

As intervencións artísticas deste ano distribuíronse por diferentes puntos estratéxicos do termo municipal. Lula Goce é a encargada de actuar na Martela (Rúa Gudiños); Agustina Shuan plasma o seu traballo nun novo mural en Atalaia Asados; e Alejandro Mosquera intervén na Aldea de Buhía. Con estas incorporacións, o festival continúa ampliando o percorrido artístico que leva construíndo de xeito ininterrompido desde o ano 2018.

Como novidade conceptual, a identidade gráfica desta sétima edición atopa a súa inspiración nun petróglifo da contorna de Rianxo. Segundo apuntan desde a organización, o obxectivo é propor unha reflexión arredor dos símbolos e das pegadas que permanecen no tempo, establecendo unha ponte directa entre as primeiras formas de representación humana e o muralismo contemporáneo.

Un programa aberto á participación veciñal

Máis alá do propio traballo a pé de andamio, que a veciñanza e os visitantes poderán seguir en directo ao longo de todas as xornadas, o Viladomar deseñou unha axenda de actividades paralelas coa ollada posta na creación compartida.

Entre as propostas principais destaca a elaboración dun mural colaborativo que se desenvolverá en estreita colaboración coa asociación As Púrpuras. Así mesmo, o recoñecido artista Camilo Seira impartirá unha masterclass na que amosará de xeito práctico o proceso de creación dun mural vexetal elaborado con musgo.

O festival vivirá o seu broche de ouro o sábado 11 de xullo cunha intensa xornada de clausura organizada da man do colectivo Rock in Rian. Durante todo ese día, o público poderá participar en dous roteiros teatralizados para coñecer a historia dos murais da vila, gozar dun percorrido en barco pola ría e asistir a unha variada programación musical que servirá para despedir a edición ata o ano que vén. Desde a organización lembran que todos os horarios e localizacións detalladas das actividades poden consultarse a través das redes sociais de Viladomar.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.