Boiro acollerá as proxeccións das oito curtas finalistas nos Premios Mestre Mateo

13 Xullo 2026

As oito curtametraxes finalistas na última edición dos Premios Mestre Mateo volven percorrer Galicia como parte do Ciclo de Mestre Mateo Galicia Calidade en virtude da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Academia Galega do Audiovisual para contribuír á difusión da produción galega neste formato. Deste xeito, as oito pezas de ficción e animación que chegaron á última fase dos galardóns visitarán este ano 26 concellos galegos combinadas en dúas sesións de catro curtas segundo se trate de obras en imaxe real ou de animación. Na listaxe de concellos inclúese o de Boiro, como vén sendo habitual nas actividades da Academia.

A iniciativa, que pasou xa polos municipios de Cea e Vilalba, continuará este mes coas vindeiras proxeccións en Meira (15 de xullo) e Ribadavia (28 de xullo) como parte da campaña de verán da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude Para gustos, cultura.

Desenvolverase ata o mes de outubro pasando por Arzúa, Betanzos, Boiro, Cedeira, San Sadurniño e Zas, na provincia da Coruña; A Fonsagrada, Foz, Meira, Monterroso, A Pobra do Brollón, Sarria, Taboada e Vilalba, na de Lugo; Allariz, A Arnoia, Cartelle, Celanova, Cea, O Pereiro de Aguiar, Ribadavia e A Veiga, na de Ourense; e A Estrada, Campo Lameiro, Mondariz e Oia, na de Pontevedra. O circuíto busca chegar a concellos localizados fóra das contornas das grandes cidades e que non contan cunha oferta de salas comerciais estables.

Imaxe real e animación

O programa, dividido en dúas sesións, inclúe os filmes finalistas nas categorías de Mellor Curtametraxe de Animación e Mellor Curtametraxe de Imaxe Real da última edición dos devanditos galardóns, con varios títulos que contaron con subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para o seu desenvolvemento.

Así, no bloque de ficción poderán verse Abellón, drama de Fon Cortizo no que Alex, un home confuso sobre a súa identidade, traballa creando audiodescricións para persoas con discapacidade audiovisual e aprende a percibir o mundo de xeito diferente cando coñece a Lucía, unha muller cega; Algo novo que contar, de Paula Pereira, no que unha moza se enfronta á presión social respecto á súa virxinidade; Curmán, de Alejandro Jato, unha historia centrada na viaxe á aldea dos avós para celebrar a primeira comuñón, onde o protagonista experimenta un proceso de madurez e perda da inocencia; e Adeus, Berta, con dirección de Fernando Tato e guión de Ángela Andrada, que conta o regreso a casa de Alicia para o velorio da súa nai e o reencontro coa súa irmá, ingresada nun centro de rehabilitación.

Os títulos de animación son Lucus, de David Fidalgo Omil, unha curta de fantasía e aventuras na que unha moza loita para evitar a destrución da súa cidade mediante unha trama que mestura acción cunha comedia hilarante e irónica; Nuno, de Nuno Taborda, 2D debuxada a man que narra a viaxe dunha persoa nova para comprender a súa conexión cun tío falecido ao que nunca chegou a coñecer; O mesmo, con dirección de Virginia Curiá e guión de Inés Pintor, peza que aborda a violencia dixital de xénero, e O corpo de Cristo, con dirección e adaptación de guión de Bea Lema, no que a personaxe de Adela busca curar o seu trastorno mental recorrendo á ciencia, á fe e á tradición.

O Ciclo Mestre Mateo Galicia Calidade está financiado en virtude do acordo acadado para esta actividade entre a Axencia Galega das Industrias Culturais e o Instituto de Cinematografía y das Artes Audiovisuais do Ministerio de Cultura.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.