
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar recentemente un vertido de augas residuais de carácter municipal no lugar de Cabo de Cruz, no concello coruñés de Boiro.
O episodio foi detectado polo persoal do Programa de Control de Vertidos (PCV) do organismo hidráulico autonómico no marco dos labores rutineiros de inspección que realiza nos concellos da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
A incidencia consistía nunha vertedura do sistema de saneamento sen depuración previa como consecuencia dunha antiga rede á que permanecían conectadas algunhas vivendas da contorna. Unha vez detectadas as deficiencias, os técnicos de Augas de Galicia informaron da situación ao titular, ao que instaron a levar a cabo as accións necesarias para resolver a situación.
Nunha inspección posterior á zona, persoal do PCV comprobou a emenda do punto do vertido, coa conexión das vivendas cara a un bombeo da zona que impulsaría as augas á depuradora para o seu axeitado tratamento, poñendo así fin aos aportes ao medio natural.



