
A celebración da V Carreira Solidaria Móvete pola Diabetes terá lugar finalmente o venres 24 de xullo na Pobra do Caramiñal. A cita está organizada polo Concello da Pobra do Caramiñal, Anedia, a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza e a Federación Galega de Atletismo, e está aberta á participación tanto de atletas federados/as como non federados/as.
O programa manterá o desenvolvemento previsto, con inicio ás 20.00 horas e carreiras para as distintas categorías, desde Sub 6 ata Máster, ademais da categoría Zapatilla Inclusiva. A saída estará situada na rúa Fernández Albor e a meta no interior da praza Alcalde Segundo Durán.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 22 de xullo ás 14.00 horas a través da web www.carreirasgalegas.com. A participación será gratuíta nas categorías Sub 6, Sub 8, Sub 10, Sub 12, Sub 14, Sub 16 e Zapatilla Inclusiva, mentres que para as categorías Sub 18 a Máster o prezo da inscrición será de 8 euros. Os dorsais poderán recollerse na praza Alcalde Segundo Durán ata media hora antes do inicio de cada carreira.
Toda a información sobre a proba, incluído o regulamento e o acceso ás inscricións, está dispoñible na páxina web municipal, apobra.gal.



