A programación estival de Turismo da Pobra do Caramiñal arrinca con éxito e encara unha intensa fin de semana de experiencias

17 Xullo 2026

A programación de verán da Concellería de Turismo da Pobra do Caramiñal, baixo o lema Vive a experiencia, xa está en marcha e “faino cunha excelente resposta por parte do público”, segundo confirmou o Concello. A primeira das actividades, o Turismo Mariñeiro, celebrouse este martes 14 de xullo cunha moi boa acollida, confirmando o interese que esperta esta proposta, que permite achegarse de primeira man ao modo de vida e ás tradicións ligadas ao mar que forman parte da identidade pobrense.

Tras este exitoso inicio, a programación continúa esta fin de semana cunha completa oferta de experiencias para descubrir a riqueza natural, paisaxística e gastronómica da Pobra do Caramiñal.

Este venres 17 de xullo celebrarase a Ruta do Mexillón en embarcación tradicional, unha actividade que convida a navegar pola ría para coñecer o cultivo dun dos produtos máis representativos da nosa gastronomía. A experiencia inclúe, ademais, unha degustación de mexillón e viño da IXP Terra de Barbanza e Iria.

A programación continuará o sábado e o domingo cos Viaxes en Veleiro, unha oportunidade única para contemplar a costa pobrense desde o mar e gozar da navegación a vela nunha contorna privilexiada.

Como broche da fin de semana, o domingo terá lugar tamén unha das propostas máis especiais da tempada: a viaxe á illa de Sálvora, unha experiencia que permitirá descubrir un dos espazos máis emblemáticos do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e coñecer o seu patrimonio natural, histórico e paisaxístico.

Desde a Concellería de Turismo destacan a boa acollida das primeiras actividades e animan tanto á veciñanza como ás persoas que visitan a vila durante estes meses a participar nunha programación deseñada para vivir a Pobra do Caramiñal dunha maneira diferente, descubrindo o seu patrimonio mariñeiro, a súa gastronomía e os seus espazos naturais a través de experiencias únicas.

As persoas interesadas en participar nas distintas actividades poden realizar a súa inscrición na Oficina de Turismo da Pobra do Caramiñal, situada na Casa Mariñeira (Parque do Castelo), onde recibirán toda a información sobre as prazas dispoñibles e as condicións de participación.

Baixo o lema Vive a experiencia, a Concellería de Turismo continúa apostando por unha programación que pon en valor os recursos do municipio e consolida a Pobra do Caramiñal como un destino onde o mar, a natureza e a autenticidade son os grandes protagonistas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.