O Goberno municipal da Pobra do Caramiñal presentou o proxecto de Orzamentos para o exercicio 2026, que ascende a 10.560.637,14 euros e será sometido á aprobación do pleno na sesión prevista para o vindeiro venres, 17 de xullo. Trátase do terceiro Orzamento elaborado no actual mandato, despois de que en 2023 se traballase coas contas prorrogadas do exercicio anterior. O documento foi consensuado polas catro formacións que integran o Executivo municipal.

O alcalde e membro de Nós Pobra, José Carlos Vidal, realizou unha valoración xeral das contas municipais, destacando o acordo acadado entre as catro formacións que integran o Goberno para sacar adiante un novo proxecto de orzamentos. Agradeceu a “disposición de todos os grupos para chegar a un consenso” e salientou que “as contas permitirán manter os servizos públicos, continuar reducindo a débeda municipal e seguir investindo sen recorrer a novo endebedamento”.
Tamén incidiu en que o Concello continuará asumindo determinados custos, como os derivados do canon da depuración ou da recollida e tratamento dos residuos, para evitar que repercutan directamente na veciñanza. Ademais, defendeu que os veciños e veciñas da Pobra do Caramiñal merecen o mesmo trato e respecto por parte de todas as administracións.
Pola súa banda, o concelleiro de Facenda e membro do VIP, Eloy Sobrido, explicou a estrutura das contas e a evolución dos distintos capítulos, destacando que o proxecto non contempla unha subida de impostos, garante a continuidade dos servizos municipais e permite seguir reducindo a débeda do Concello.
A concelleira e membro do PSOE, Patricia Lojo, cualificou os orzamentos como a folla de ruta do Goberno municipal para “continuar avanzando en ámbitos como as obras, a cultura, os festexos, a sanidade e as relacións institucionais”. Así mesmo, puxo en valor a riqueza cultural e patrimonial da Pobra, o papel do tecido asociativo e o apoio do Concello ás asociacións e ás comisións de festas. Tamén destacou a colaboración da Deputación da Coruña, á que cualificou como “a administración que máis contribúe ao desenvolvemento de proxectos no municipio”. Tamén, quixo resaltar o traballo do concelleiro de Facenda pola dificultade da realización duns Orzamentos con catro formación diferentes.
Pola súa parte, a concelleira e membro do BNG, Amparo Cerecedo, falou sobre o incremento do gasto social e o reforzo de servizos como o comedor sobre rodas. Tamén salientou o aumento das partidas destinadas ao mantemento dos centros educativos e o apoio á promoción económica mediante programas como o Coworking, Comercio na Rúa e Emprende-Co, incidindo na importancia de seguir prestando servizos que faciliten o día a día da veciñanza.
En materia de persoal, o Orzamento destina 4.820.129,43 euros, o que representa o 45,6% do total das contas municipais e incorpora as actualizacións retributivas establecidas polo Goberno do Estado español. Esta partida redúcese lixeiramente ao pasar o servizo de monitoras a prestarse mediante licitación pública, trasladándose o seu custo ao capítulo II. Os gastos correntes en bens e servizos ascenden a 3.997.059,86 euros, representando o 37,8 % do Orzamento municipal. Este incremento explícase, sinalaron, “pola incorporación do contrato das monitoras, polo canon de depuración establecido pola Xunta, que supón arredor de 190.000 euros, e pola actualización dos contratos e dos custos dos servizos municipais derivada do incremento do IPC”.
En canto ás transferencias correntes, mantéñense as principais liñas de colaboración co tecido asociativo, incrementándose lixeiramente algunhas partidas.
Investimentos por máis dun millón de euros
O capítulo de investimentos reais ascende a 1.001.576,05 euros. Deles, arredor do 30 % será financiado con recursos propios do Concello, mentres que arredor do 66 % procederá da Deputación da Coruña e o restante, 4,44 %, da Xunta de Galicia mediante distintas subvencións.
Entre as actuacións previstas figuran a pavimentación do Camiño das Pedriñas, do Camiño de Rosendo e doutras vías municipais; a reforma do Parque Infantil do Castelo; actuacións de mellora no Club de Remo; a adquisición de fondos bibliográficos e unha achega destinada á ampliación do cuartel da Garda Civil. Parte destas actuacións executaranse a través do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación.
Reforzo dos servizos municipais
No ámbito dos servizos sociais increméntase a partida destinada ao comedor sobre rodas. Mantéñense as políticas de benestar animal, incrementándose algunhas partidas para facer fronte aos novos gastos asumidos polo Concello neste ámbito.
En educación increméntase a partida destinada ao mantemento dos centros educativos, cun investimento próximo aos 17.000 euros, superior ao consignado no exercicio anterior.
O Concello continúa asumindo actuacións que corresponden a outras administracións para garantir o correcto estado dos centros.
No ámbito deportivo increméntanse as partidas destinadas a patrocinios.
En materia de desenvolvemento económico lánzase o programa Emprende-Co, desenvolvido coa colaboración da Deputación, que achega uns 80.000 euros, mentres que o Concello contribúe con arredor de 20.000 euros.
As contas municipais manteñen tamén partidas destinadas aos traballos de roza e mantemento das zonas verdes, á conservación do mobiliario urbano, á reparación e instalación de marquesiñas, así como ás actuacións de asfaltado e reparación de fochancas en diferentes puntos do municipio.
As partidas destinadas ás festas municipais mantéñense en niveis similares aos do pasado exercicio, mantendo tamén a colaboración coas diferentes comisións e entidades organizadoras, así como a celebración da comida das persoas maiores.
Xunto con estas actuacións, o proxecto de orzamentos garante a continuidade dos servizos e programas municipais noutras áreas como o turismo, a igualdade, o medioambiente… O Goberno local incidiu que as contas permiten manter e reforzar os servizos existentes, dando resposta ás necesidades da veciñanza.
Estabilidade económica e redución da débeda
Outro dos aspectos destacados do proxecto é a evolución da situación económica municipal. Segundo explicou o Goberno local, o nivel de endebedamento “sitúase arredor do 22 %, moi por debaixo do límite legal”. En xaneiro de 2023 existían sete préstamos activos e unha débeda de 2.019.000 euros. Desde a chegada do actual Goberno municipal non se formalizou ningún novo préstamo e amortizáronse tres dos existentes, continuando coa redución da débeda herdada.
En conxunto, o Goberno local repetiu o esforzo económico que realiza o Concello para asumir determinados custos, como os derivados do canon da depuración ou do incremento da recollida e tratamento dos residuos, evitando que ese impacto repercuta directamente na veciñanza e permitindo manter os servizos municipais sen incrementar a carga tributaria.
Finalmente, Vidal destacou que os informes da Intervención conclúen que o proxecto de orzamentos cumpre coa regra de gasto e cos compromisos adquiridos no Plan Económico Financeiro (PEF), existindo previsión de cumprimento dos obxectivos establecidos.




