
O Concello da Pobra do Caramiñal quere felicitar a Lucas Vázquez Abuín, atleta do Club Atletismo Barbanza, pola súa convocatoria coa Selección Española Sub20 para disputar o Campionato do Mundo de Atletismo, que se celebrará do 5 ao 9 de agosto en Eugene, Oregón.
Lucas formará parte dos equipos de remudas 4×400 metros masculino e 4×400 metros mixto. “Esta selección pon en valor o seu esforzo, compromiso e a excelente tempada que está a realizar”, salientou o Concello da Pobra, engadindo que “o seu logro reflicte tamén o labor desenvolvido polo Club Atletismo Barbanza, que continúa a apostar pola formación e o acompañamento dos seus deportistas, favorecendo que poidan competir ao máximo nivel”.
Dende o Concello trasládanse os parabéns a Lucas, ao club, ao equipo técnico e á súa contorna, ao tempo que se lle desexa moita sorte na súa participación nesta importante cita internacional.
Como lembraremos e como informa o Club Atletismo Barbanza, logrou este mes de xullo o cuarto lugar nos 400 ml do Campionato de España Sub20 que se celebraron en Albacete.
“Realizou unha gran carreira desde o inicio, loitando na cabeza ata os metros finais polos postos de honra. Parou o crono en 47.82 seg, o que é o seu mellor marca persoal e líder galego do ano”, salientou o Club.




