O pleno extraordinario da Corporación celebrado este venres 17 de xullo no Concello da Pobra do Caramiñal aprobou inicialmente o proxecto de orzamentos municipais para o exercicio 2026, nunha sesión convocada exclusivamente para o debate das contas municipais. A proposta saíu adiante tras rexistrarse un empate de seis votos a favor e seis en contra, resolto co voto de calidade do alcalde, José Carlos Vidal, tal e como establece a normativa.

Ao inicio da sesión, Vidal desculpou a ausencia do concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro, por motivos de saúde.
Durante a súa intervención, o concelleiro de Facenda, Eloy Sobrido, sinalou que os orzamentos marcan a liña de acción do Goberno municipal para o vindeiro exercicio. Destacou que “as contas permiten manter todos os servizos públicos sen incrementar os impostos á veciñanza e continuar reducindo a débeda municipal”. Ademais, debullou os principais capítulos do documento económico e os criterios que sustentan a súa elaboración.
Pola súa banda, a concelleira Patricia Lojo cualificou a aprobación inicial como “un dos acordos máis importantes do ano”, froito do diálogo e da análise entre as catro formacións que integran o Goberno municipal. Tamén agradeceu o traballo desenvolvido polo concelleiro de Facenda e polo persoal técnico do Concello, destacando que se trata dun orzamento “realista e equilibrado”, deseñado para poder executarse na súa totalidade.
A concelleira Amparo Cerecedo asegurou que as contas reflicten a boa saúde financeira do Concello e o baixo nivel de endebedamento, permitindo manter os servizos municipais sen incrementar os impostos á veciñanza. Destacou especialmente o reforzo das políticas sociais, con servizos como o comedor sobre rodas ou a atención psicolóxica semanal nos centros educativos, así como o incremento da partida destinada á educación, asumindo incluso gastos que non corresponden á administración local. Tamén puxo en valor as actuacións de promoción económica, facendo referencia ao Coworking municipal e ao proxecto Novas Aperturas, orientado ao impulso do comercio local. Así mesmo, incidiu en que os orzamentos responden ás necesidades cotiás dos veciños e das veciñas.
No peche do debate, o alcalde, José Carlos Vidal, puxo o foco no proceso de saneamento das contas municipais levado a cabo nos últimos anos e repasou a achega das distintas administracións ás actuacións que se desenvolven no municipio. Defendeu que estes orzamentos consolidan un modelo de xestión baseado na estabilidade financeira, no investimento e no mantemento dos servizos públicos.
Finalmente, o proxecto de orzamentos foi aprobado inicialmente con seis votos a favor e seis en contra, quedando resolta a votación co voto de calidade do alcalde.




