A pianista boirense Elsa Muñiz, seleccionada para representar a España en Nova York por Sounds from Spain e ICEX

21 Xullo 2026

A pianista boirense Elsa Muñiz continúa impulsando a proxección de Pianotelling, o seu singular formato escénico. Despois de ofrecer senllos concertos, o 4 de xullo no Espazo Cuve de Ponte Caldelas e o 11 de xullo no Auditori Barradas de L’Hospitalet de Llobregat (Barcelona), agora prepárase para viaxar a Nova York para participar na Latin Alternative Music Conference (LAMC) 2026, que se celebrará nesta cidade do 28 de xullo ao 1 de agosto.

Tras ser seleccionada por Sounds from Spain e ICEX España Exportación e Investimentos para participar neste encontro -(un dos principais acontecementos internacionais dedicados á industria musical latina e iberoamericana) a artista participará no programa profesional da LAMC, onde manterá encontros con programadores, festivais, institucións culturais, axencias e profesionais do sector co obxectivo de abrir novas vías de colaboración e fortalecer a presenza internacional de Pianotelling, un proxecto que supera os 4 millóns de reproducións e segue a medrar (de feito, asúa música supera actualmente os 4 millóns de reproducións acumuladas en plataformas dixitais e conta con miles de oíntes mensuais en Spotify).

Durante o último ano, a artista levou Pianotelling a diferentes escenarios de España, consolidando unha proposta que rompe co concepto tradicional de concerto instrumental para crear unha experiencia artística baseada na conexión entre música, palabra e imaxe.

Desde a publicación de New Beginnings, o seu segundo libro-disco, o proxecto continuou evolucionando tanto no ámbito creativo como profesional, ampliando o seu alcance e chegando a novos públicos.

Para quen non o saiba Pianotelling é un formato escénico creado por Elsa Muñiz que une composicións orixinais para piano, relatos e imaxes para construír unha experiencia artística onde cada peza nace dunha historia real.

Lonxe do concerto tradicional, o espectáculo propón un percorrido emocional no que música e palabra dialogan de continuo, “convertendo o piano nunha ferramenta capaz de narrar emocións, recordos e experiencias compartidas”, sinala a pianista boirense.

Desde o seu nacemento en 2018 co álbum Memories, o proxecto foi incorporando novas disciplinas como a literatura, os caligramas e a creación audiovisual ata converterse no formato que presenta actualmente.

Para Elsa Muñiz, este verán representa o inicio dunha nova etapa: “A música sempre foi a miña maneira de contar historias. Poder compartir agora este proxecto por primeira vez en Barcelona e, uns días despois, presentalo nun encontro internacional como a LAMC supón un paso moi importante para seguir facendo crecer este soño”, engade.

Martes 28 de xullo – Sábado 1 de agosto

Latin Alternative Music Conference (LAMC)

Nova York (Estados Unidos)

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.