O Pazo de Goiáns (Boiro) será escenario principal dunha nova edición do BoViño Wine Fest, unhas xornadas que tamén se van desenvolver na Pobra do Caramiñal e en Rianxo e que teñen como finalidade poñer en valor os viños da IXP de Barbanza e Iria. O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, participou na presentación do evento xunto con Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación; Julian Bustelo, alcalde de Rianxo; Suso Santamaría, promotor do evento; e tamén adegueiros e sumilliers.
As actividades comezan o xoves 6 en Rianxo cunha ruta literaria guiada por Quico Cadaval e presentación da Adega Cazapitas e cata de catro dos seus viños. Contará cunha degustación gastronómica a cargo de Miguel Mosteiro e actuación musical de Aum Reggae Band.

O venres 7 de agosto as actividades trasladaranse á Pobra, onde haberá unha ruta guiada polos viñedos da Adega Entre Os Ríos realizada por José Crusat e cata de catro dos seus viños con degustacións gastronómicas realizadas por Luis Arijón e actuación de Calequi y Las Panteras.
O sábado 8 de agosto a actividade terá lugar no Pazo de Goiáns cunha clase maxistral ás 12.00h realizada por Juanjo Figueroa sobre o presente e horizonte das nosas adegas. Ás 13.30 horas haberá cata musical de 4 viños das adegas participantes con degustación de mexillón en escabeche. E xa pola tarde haberá unha cata poética, un túnel do viño e, ás 20.00h, unha cita co viño e o humor con Carlos Blanco.

O domingo día 9 continúan as actividades no Pazo de Goiáns cunha xornada dedicada a Luis Sande Lage, da Adega Pagos de Brigante (Betanzos). A actividade comeza ás 12.00h cunha ruta polo Pazo de Goiáns; ás 13.00h cata monumental e actuación da Banda da Balbina.
As entradas para participar poden conseguirse en apousada.eu.
Unha proposta que nace do territorio
Na presentación, o vicepresidente destacou que “Boviño é un deses proxectos que encaixan perfectamente no modelo turístico polo que traballamos desde a Deputación: unha proposta que nace do territorio, que pon en valor os seus recursos propios e que crea experiencias arredor da identidade, da paisaxe e do produto local”. Regueira sinalou que iniciativas coma esta “demostran que o turismo tamén é unha ferramenta para fortalecer o sector primario, apoiar ás pequenas produtoras e produtores e xerar oportunidades económicas de maneira sustentable”.
Regueira incidiu tamén na importancia de visibilizar a riqueza vitivinícola da provincia: “A IXP Barbanza e Iria representa unha tradición e un patrimonio que merecen ser coñecidos e recoñecidos. Eventos como Boviño contribúen a reforzar a súa proxección e a situar a comarca como un destino singular para quen busca experiencias auténticas vinculadas á enogastronomía e á cultura”.





