O Concello de Rianxo presentou o seu programa Verán Cultural 2026, unha axenda ateigada de propostas para todas as idades, gustos e tendencias, que inclúe citas tan relevantes como a Feira do Libro, o festival de arte urbana Viladomar (VII), a feira informática e de videoxogos Rianxo Gaming, a Festa da Xouba ou o Festival Noites de Jazz, entre outros grandes eventos para marcar no calendario.
Na rolda de prensa participaron Julián Bustelo Abuín (alcalde de Rianxo), Julio Alcalde, concelleiro de Cultura, Carlos Ces (enxeñeiro informático e director do Rianxo Gaming) e Bernal Muíños (músico de Jazz, docente do Curso de Big Band e membro do Quarteto TbA).

Segundo fixo saber o rexedor, “a programación sitúase na liña dos anos anteriores e intenta ofertar unha ampla serie de propostas variadas en canto a localizacións, iades, modalidades, etc. Estamos no verán, así que practicamente todo se desenvolve en exterior. De feito, cabe resaltar un xullo especialmente intenso e un agosto só apenas máis lixeiro. Un orgullo para Rianxo, e o seu tecido asociativo e o propio Concello poder manter e ofertar unha programación deste calibre”.
Engadiu que neste programa colaboran moitas entidades, institucións e administracións de Rianxo e de fóra de Rianxo, como a A. C. Fogo fatuo, Escola de Música de Rianxo, A. C. Viladomar Máis alá dos Muros, A. C. Ondiñas Mainas, A. C. Festival Rock in Rianxo, A.S.C. A Moreniña, A. C. Alecrín Taller de Baile, A. C. Morreu o Demo, Comisión de Festas do Carme de Rianxo, Comisión de Festas de Taragoña, A. C. A Leoira…, Concellerías de Turismo e de Servizos Sociais do Concello de Rianxo, Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, AGADIC,
Grandes citas destacadas
• O VII Viladomar, Máis Alá dos Muros (do 1 ao 11 de xullo). Certame organizado pola Concellaría de Turismo, o colectivo Viladomar e a A. C. Ondiñas Mainas), que este ano actuará sobre tres grandes muros.
• Rianxo Gaming, Feira de Videoxogos (11 de xullo). Unha proposta pensada para a mocidade enfocada á gamificación a través das NNTT. Segundo explicou Carlos Ces, rexistrouse “unha importante expectación con esta nova da convocatoria da feira informática de Rianxo”, un interese que confirma e reflicte o incremento de participación desde a primeira edición hai catro anos.
• A Festa da Xouba (do 22 ao 26 de xullo) organizada tamén pola Concellaría de Turismo coa colaboración da Consellería de Pesca da Xunta de Galicia e diversas entidades de
Rianxo).
• A Feira do Libro (do 23 ao 26 de xullo), organizada pola Federación e Librarías de Galicia e o Concello. Malia que non hai confirmación da Federación de Librarías de todas as casetas presentes (aínda está aberto o período de inscrición), agárdase unha participación similar á do ano pasado, cun mínimo de sete librarías.

• Festival Noites de Jazz 2026, con concertos do 28 ao 31 de xullo, pero que tivo a súa primeira jam sesion este mércores 1 de xullo, ás 20:00 na cafetaría Bar A Lareira, do Pazo. Segundo explicaron na presentación, a edición deste ano inclúe unha gran presencia rianxeira ( parte de coa Big Band da Escola de Música de Rianxo, como todos os anos abrindo o festival) co Cuarteto de José Nine ou o Quarteto TbA, formación portuguesa na que toca Bernal Muíños. Esta presenza tería continuidade na vindeira edición con outros importantes músicos de jazz de Rianxo, como Roberto Somoza ou Alfredo Susavila, que, segundo se fixo saber na presentación, “intentaremos que estean presentes no 2027”.
• II Ciclo de Concertos da Banda Xuvenil da Escola de Música de Rianxo. Un proxecto que comezou o ano pasado, e que ten continuidade na presente edición, que levará aos músico máis novos da Escola de Música de Rianxo por todas as parroquias do concello.
• XXI Ciclo de Bandas de Música, coa presenza das bandas de Noia (18 xullo) ou Serra de
Outes (19 xullo), xunto coa EMR que porá un excepcional peche cun concerto de bandas sonoras de cinema infantil (25 de xullo).
• Música e danza tradicional co XXII Festival da A. C. Fogo Fatuo (4 de xullo) ou o Espectáculo Danza 3, con presencia da Agrupación O Fiadeiro (26 de xullo).
• Celebrarase unha charla-coloquio o 23 de xullo centrada no eclipse de sol do 12 de agosto. Trátase dunha proposta de divulgación científica vinculada a un feito astronómico singular e quer está a cargo a rianxeira Paula Cambeses Franco (doutoranda en Matemáticas pola USC) acompañada polo rianxeiro de adopción e vello colaborador do Concello nos Veráns Culturais coas sesións de observación astronómica, José Ángel Docobo Durántez (catedrático de Astronomía da USC).
• Festival Titiriberia (do martes 18 de agosto ao domingo 23). Con presenza en diversos lugares do termo municipal, facendo as delicias de cativos e non cativos.
• Propostas de teatro de rúa e infantil: como Ñiquiñaque de Espectáculos Valente (23 de xullo), Máis saaabor!! de Culturactiva (31 de xullo) ou A máquina do tempo das científicas, de Trémola Teatro (14 de agosto).
• Música Galega: como Residuos Atractivas, na Romaría de San Pedro de Vilas (4 de xullo), A Banda das Crechas, Un país en mil foliadas (15 de xullo) ou Faltriquiera (7 agosto).
• XV Festa do Mexillón de Rianxo (1 e 2 de agosto)
• Festival Rock in Rian (14 e 15 de agosto).
• Exposición: obras seleccionadas na XIX edición do Certame de Arte Isaac Díaz Pardo da Deputación da Coruña (xa exposta e que estará ata o 11 de xullo no Auditorio).
• Exposición: Tanxarina. 40 anos de monicreques (no Auditorio do 15 de xullo ao 3 de setembro), no marco do Festival Titiriberia
• Exposición: Marionetas de Trécola (en diversos escaparates da vila, tamén do 15 de xullo ao 3 de setembro), tamén no marco do Festival Titiriberia.



