A Fundación Alcalde Varela, con sede en Boiro, pon en marcha LUS’, Paisaxes das Culturas do Barbanza, un proxecto fotográfico de investigación e creación artística que dá soporte ao fotógrafo e investigador etnográfico Óscar Górriz. A iniciativa está orientada á produción dunha serie fotográfica de autor centrada na paisaxe natural e cultural da comarca do Barbanza.

O proxecto nace co “obxectivo de apoiar a creación artística contemporánea, xerar un arquivo visual do territorio e contribuír á posta en valor da paisaxe e das identidades locais a través dunha ollada documental e artística”, informa a fundación, engadindo tamén buscará “integrar lugares emblemáticos, a historia da familia Alcalde Varela e a súa vinculación co territorio”.

O traballo de exploración desenvolveuse durante os meses de maio e xuño en Boiro, coa intención de producir a obra en convivencia directa co lugar.
LUS’ debuxa un itinerario marcado pola simbiose entre a misión da Fundación Alcalde Varela e a traxectoria de Óscar Górriz, percorrendo a comarca na procura de imaxes capaces de traducir a súa identidade.

As fotografías, lonxe de seren simples paisaxes, constitúen portas abertas ao imaxinario e á traxectoria do autor. A través dunha capa transmedia que se presentará mediante códigos QR, cada peza dará acceso a unha serie de contidos que relatan o territorio, recollen poesía coñecementos populares ou acontecementos, compilados polo autor durante a súa visita pola comarca, e nalgúns casos incorporan creación contemporánea, poética e audiovisual. Así, informou a fundación, “o formato convencional da mostra fotográfica transcende cara a un concepto máis amplo, dotando cada obra dun valor único, ancorado na memoria da comarca e na propia experiencia do autor”.
Respecto do traballo desenvolvido por Górriz, caracterízase por “unha aproximación á paisaxe natural desde unha profunda perspectiva cultural e de forte raigame, na que a fotografía procura ser ao tempo ferramenta de composición e transmisión cultural”. Ao longo da súa traxectoria, o autor desenvolveu proxectos vinculados á memoria oral, ao patrimonio e ás comunidades locais, colaborando con diversas institucións culturais e entidades galegas. Nos seus traballos, a imaxe convértese nun medio para explorar a relación entre territorio, identidade e relato colectivo.

Óscar Górriz, nacido na Coruña en 1977, formado en artes, fotografía e deseño entre Galicia e Barcelona, desenvolveu durante a súa carreira unha traxectoria interdisciplinar como fotógrafo, realizador audiovisual, creador e investigador cultural. A súa obra combina fotografía documental, investigación etnográfica e creación artística contemporánea, con especial atención aos procesos de memoria e transmisión cultural.
O resultado desta colaboración exporase do 23 de xullo ao 23 de setembro en Stimmung Stories, un espazo comprometido co deseño galego e estatal situado en Boiro (A Coruña). A mostra achegará ao público o proceso e os resultados desta investigación visual sobre o Barbanza, xerando un diálogo entre arte, territorio e comunidade. Co apoio local da tenda de enmarcación Punto de Fuga Boiro.

A Fundación Alcalde Varela (FAV) nace coa intención de preservar a memoria artística que atesoura o Pazo de Fonteneixe (Boiro, A Coruña) e co desexo de dar continuidade a un legado familiar profundamente vencellado á arte, á cultura e á identidade galega.
Ao longo da súa vida, Salvador Alcalde e Loly Varela desenvolveron un importante labor de mecenado, apoiando de forma directa a artistas plásticos e contribuíndo activamente ao desenvolvemento do ecosistema cultural galego. Ese compromiso coa creación, a memoria e o territorio constitúe o punto de partida desta fundación.
Desde Boiro, a FAV configúrase como unha plataforma cultural que procura impulsar o talento galego, fomentar a creación contemporánea, apoiar o desenvolvemento artístico, promover o encontro entre creadoras e creadores, dinamizar o territorio, preservar o seu legado e impulsar novas oportunidades con impacto cultural, social e territorial.




