A Deputación aproba este venres o convenio de cooperación do Concello de Rianxo para a construción da Casa de Acompañamento a Maiores

29 Xullo 2026

A nova (e innovadora) residencia de maiores de Rianxo colle esta semana un novo impulso de cara a súa materialización. A Deputación da Coruña aprobará o vindeiro venres, no pleno ordinario correspondente ao mes de xullo, o convenio de cooperación co Concello de Rianxo para a construción da edificación e posta en funcionamento do servizo público Casa de Acompañamento a Persoas Maiores, a residencia que se levantará a carón do IES Félix Muriel.

Como lembraremos, o pasado mes de abril aprobouse cesión á Deputación da Coruña dunha parcela de titularidade municipal para a construción do devandito edificio. En paralelo, iniciouse o estudo xeotécnico previo á redacción do proxecto construtivo.

A residencia contará con unhas 59 prazas e caracterizarase, segundo fixeron saber o presidente provincial, Valentín González, e o alcalde rianxeiro, Julián Bustelo, “por fuxir do modelo actual apostando por un centro pequeno, integrado na plenamente no municipio e baseado na cogobernanza entre profesionais, persoas usuarias e familias”.

“Con este importantísimo investimento e grazas á colaboración entre administracións”, engadiu o rexedor, “dáselle resposta a unha vella demanda do noso municipio e do conxunto da comarca do Barbanza”. Apuntou tamén que “grazas a esa colaboración, á residencia axiña sumarase o centro de día que tanto tempo levamos agardando e que se habilitará no Pazo de Rianxiño”.

A residencia estará formada por pequenos fogares nos que os as persoas residentes disporán de habitacións amplas con espazos abertos, zona de cociña, salón, baño propio, acceso a zonas exteriores e a posibilidade de personalizar a decoración, para favorecer a identidade e a intimidade de cada persoa usuaria.

Ademais, a atención sociosanitaria será integral e adaptada ás necesidades de cada persoa, “grazas a un equipo estábel e especializado de profesionais que traballará directamente con cada unidade de convivencia, nunha proporción que permitirá coñecer ben ás persoas atendidas e prestarlles unha atención próxima e de calidade, minimizando a rotación de persoal e garantindo a continuidade do coidado”, confirmou o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, quen manifestou o seu agradecemento á Deputación da Coruña e ao seu presidente, Valentín González Formoso, “pola súa aposta decidida por Rianxo”. E engadiu: “O traballo conxunto entre as administracións resulta imprescindíbel para acadar retos desta magnitude”.

A nova residencia (Casa de Acompañamento aos Maiores) estará emprazada a carón do IES Félix Muriel e vén cuns 8.000 metros cadrados, dos cales 5.300 son edificábeis.

A residencia de Rianxo é un dos tres centros que integran o novo modelo público de atención ás persoas maiores impulsado pola Deputación, que aposta por “infraestruturas pequenas, humanas e integradas na comunidade”, sinalaron os responsábeis da institución.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou recentemente que as CAM “rompen cos modelos tradicionais de residencias e poñen no centro ás persoas. Non queremos construír almacéns, senón fogares. Apostamos por un modelo máis humano, máis próximo e máis digno, que permita ás persoas maiores vivir nun entorno familiar, conservando os seus vínculos afectivos e a súa autonomía”, afirmou, engadindo que este proxecto “nace como experiencia piloto que pode servir de referencia para outras administracións con competencia nesta materia”.

Como dixemos, o proxecto da CAM de Rianxo desenvolverase nunha parcela de 8.000 metros cadrados, dos cales 5.300 serán edificábeis. O edificio organizarase en catro unidades convivenciais que, en conxunto, ofrecerán 59 prazas. As unidades contarán con cociña salón e espazos comúns que reproducen o ambiente dun fogar, evitando a estrutura institucional e hospitalaria dos centros tradicionais, ademais a accesibilidade e a integración co entorno serán elementos fundamentais do deseño, que incluirá xardíns, horta, zonas de convivencia e espazos abertos para a relación coas familias e coa comunidade.

Entre os servizos previstos figuran atención médica xeriátrica, psicoloxía, traballo social, terapia ocupacional e fisioterapia, ademais de programas de estimulación cognitiva e actividade física. O centro incorporará tecnoloxía avanzada, con sensores de confort ambiental, sistemas de prevención de caídas, telemedicina e dispositivos intelixentes que mellorarán a seguridade e a personalización dos coidados.

A iniciativa forma parte do plan provincial da Deputación da Coruña para crear tres Casas de Acompañamento nas Pontes, Ordes e Rianxo, inspiradas nos modelos europeos de quinta xeración implantados en países como Dinamarca, Suecia ou os Países Baixos. Estes centros, máis pequenos e de proximidade, buscan evitar o desarraigo das persoas maiores e favorecer a súa integración na vida comunitaria.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.