A Curota énchese de bandeiras galegas nunha caravana patriótica

13 Xullo 2026


A Asemblea Intercomarcal de Mulleres do BNG Barbanza–Muros Noia organizou este domingo 13 de xullo pola mañá unha caravana patriótica que partiu ás 11.30 horas desde A Pobra do Caramiñal con destino ao miradoiro da Curota, dentro da programación de actividades previas ao Día da Patria Galega, que se celebra o vindeiro 25 de xullo.

No cumio do miradoiro da Curota, as participantes despregaron un gran bandeirón da patria galega e deron lectura ao manifesto, co obxectivo de contribuír á popularización da bandeira galega como símbolo de orgullo e identidade.

Durante o acto, as responsábeis da organización fixeron un chamamento á cidadanía para pendurar con orgullo a bandeira galega nas casas, balcóns e
espazos públicos. “É a bandeira que nos une e na que nos recoñecemos, a que levamos no corazón as galegas e os galegos que sentimos o noso país con
orgullo, a que reflicte a nosa identidade e a que nos acompaña en todas as loitas”, sinalaron.

No manifesto lembraron que a bandeira galega “é a memoria dos nosos avós e das nosas avoas, das mariscadoras, das mulleres que labraron a terra, das obreiras que loitaron nas fábricas, das que falaron e escribiron en galego mesmo cando estaba prohibido, das veciñas que se organizaron para plantar cara á
inxustiza e ao desleixo e tamén das que tiveron que marchar na procura dunha vida mellor, levando sempre Galicia consigo”. Un símbolo que, engadiron, “é tamén a bandeira da mocidade, da clase traballadora e da diversidade do noso país”.

As representantes nacionalistas animaron á cidadanía a participar activamente na celebración do Día da Patria Galega e, especialmente, na manifestación
nacional que terá lugar o vindeiro 25 de xullo en Santiago de Compostela.

A xornada desenvolveuse nun ambiente festivo e de confraternidade, rematando cunha foliada popular que puxo o broche final a unha iniciativa que reuniu numerosas persoas que reafirmaron o seu compromiso pola defensa do país.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.