
O día primeiro de xullo leemos no diario O Barbanza que o Mediterráneo ferve coma unha pota ao lume e que no Atlántico, a benéfica friaxe que nos mantiña a salvo tamén claudica. A calor que asfixia xunto da quentura estraña da corrente do Norte falan de febre complicada. A auga, vista dende a sombra, podería pasar por unha testemuña inocente, algo que sempre estivo aí como a Curota ou o Pico Sacro, e que sempre estará. Pero hai tempo que deixou de ser só iso. Nalgún lugar (sempre noutro lugar) hai mans que botan contas, a reparten e a venden con aquel desprezo administrativo co que se decide o destino daquilo que lles parece non ter dono. E non fai falta furtivar de noite: abonda con asinar e selar de día.
Hai nomes que soan lonxe (California, Doñana) pero que están máis preto do que di mapa, porque pertencen ó mesmo rumbo da historia: a fame de auga, a auga que cambia de mans, a febre polo tesouro perdido, e o que foi de todos convertido en botín. E isto pasa, e as palabras dos negociantes e dos políticos flotan como restos do idioma do ilusionista, sen pouso nin verdade. Mais o certo é que a auga limpa non é un tesouro: é un dereito común que algúns queren converter en industria e dividendo. Noso, si. Pero non de ninguén por posesión. Noso por responsabilidade e por ben común.
En Galicia a auga sempre tivo unha presenza case íntima. Non precisabamos pensala: estaba. Vivía con nós e en nós. Corría polos regatos, baixaba polo río, abría a ría coma quen abre a súa casa. Quizais por iso custa tanto aceptar que no Ulla e na ría de Arousa tamén pode faltar a auga. Mais para algúns veciños está a pasar: no Leste de Europa hai países que xa quedaron sen reserva subterránea. Polonia, Romanía, Ucraína, Hungría perden os aforros das augas de emerxencia.
O clima, que antes se deixaba levar con mesura, agora ten arroutadas. Chove de golpe e non queda nada. Vén unha seca que estira nos días ata volvernos apoucados. A ría sínteo deseguido: muda o sal, vaise a vida, e o que antes era oficio convértese en incerteza. Mentres, río arriba, sempre hai quen segue disposto a espremer a folla de cálculo.
Francia, entre 120 e 170; Península Ibérica, entre 30 e 45; Reino Unido, entre 25 e 40. Son persoas mortas pola calor no traballo, na rúa ou no fogar nestes últimos días de xuño. E Galicia, refuxio climático? A idea ten algo de tentación e de verdade. Pero os refuxios, se existen, mantéñense. Non abondan as palabras fermosas. Cóidanse. Hai que poñer límites. Primeiro a auga para vivir; despois, xa veremos. E mirar con atención: saber que pasa e onde pasa, quen decide, quen gaña, quen perde.
E si, queremos Galicia Calidade: industria limpa e que innova, turismo respectuoso e sostible, empregos decentes e que non arruínan os oficios que nos alimentan, fragas, campos, ríos e rías limpas de velenos, fondos europeos para quen non dana a terra, o aire nin as augas. Podes pensar que isto é cousa dos partidos. Ou dos concellos, das confrarías, das asociacións de gandeiros e labregos, das amas de casa, dos claustros escolares ou dos bombeiros. Pero igual tamén é un asunto teu e meu, de civismo. Porque somos nós os que escollemos: celulosa para hoxe ou fame para mañá.
Tamén é xusto escoitar a versión da empresa da celulosa. Vaia: pois nestes días sacou un informe onde asegura, coa seriedade do papel timbrado, que cumpre o principio europeo de “non provocar dano ambiental significativo”. O estudo pagouno ela mesma. E quen o asina é Bureau Veritas, esa consultora que uns anos atrás defendeu que o Prestige podía seguir navegando sen problema cinco anos máis. Hai nomes que dan unha tranquilidade estraña.



