A ABE supera as 220 empresas asociadas

30 Xullo 2026

A Asociación Boirense de Empresas (ABE) continúa reforzando o seu proxecto colectivo e vén de superar a barreira das 220 empresas asociadas. Na actualidade, a entidade conta con 221 empresas, despois da incorporación nos últimos días de tres novos negocios, un dato que en palabras da ABE “evidencia a confianza que o tecido empresarial de Boiro deposita no labor que desenvolve a asociación”. Para a patronal boirense, este novo fito supón “un importante impulso para a entidade empresarial”, que continúa medrando tanto en número de asociados como na súa capacidade para promover iniciativas que dinamizan a economía local e fortalecen o comercio de proximidade.

O presidente da ABE, Daniel García, destaca que este crecemento “é unha enorme satisfacción, pero sobre todo unha gran responsabilidade. Cada empresa que decide asociarse está dicíndonos que confía no noso traballo e iso obríganos a seguir mellorando e innovando cada día”.

García lembra que a entidade leva anos apostando por un modelo de asociación que vai moito máis alá da prestación de servizos ás empresas. O seu obxectivo é construír unha rede empresarial forte, unida e participativa. “Nós sempre dicimos que o máis importante é facer comunidade. Cando as empresas colaboran, comparten proxectos e traballan cun obxectivo común, gañan os negocios, gaña o comercio e gaña todo Boiro. Esa é a filosofía que guía cada unha das accións da ABE”, sinala o presidente.

Ao longo dos últimos anos, a asociación impulsou numerosas campañas de dinamización comercial, proxectos de transformación dixital, accións formativas e iniciativas de promoción. Ese traballo reforzouse recentemente cun novo recoñecemento por parte da Xunta de Galicia: por segundo ano consecutivo, unha campaña promovida pola ABE foi seleccionada pola Administración galega entre as cinco campañas extraordinarias de dinamización comercial, un feito que avala a capacidade da entidade para desenvolver proxectos innovadores, participativos e con impacto directo sobre o comercio local. “Este recoñecemento da Xunta demostra que desde unha asociación local tamén se poden liderar proxectos de referencia para toda Galicia. É un orgullo, pero tamén un estímulo para seguir creando campañas diferentes, útiles e que axuden ás nosas empresas a ser máis competitivas”, afirma o presidente.

A asociación afronta agora un dos proxectos máis ambiciosos da súa historia coa posta en marcha, o vindeiro mes de setembro, da campaña extraordinaria Boiro Xoga, unha iniciativa pioneira que en palabras da ABE “converterá o comercio local no protagonista dun xogo de mesa exclusivo inspirado en Boiro”. O proxecto combinará dinamización comercial, participación cidadá e promoción do tecido empresarial mediante unha proposta innovadora que busca atraer novos públicos ao comercio de proximidade.

Para a ABE, esta campaña representa “perfectamente” a súa forma de entender a dinamización comercial, con “accións diferentes, participativas e capaces de xerar ilusión arredor do comercio local”.

A directiva da entidade quixo aproveitar este momento para trasladar un agradecemento especial ás 221 empresas asociadas: “Queremos dar as grazas a todas e cada unha das empresas que forman parte da ABE. A súa confianza é o noso maior aval e o motivo polo que seguimos traballando con ilusión cada día. Este logro non é da directiva nin do equipo técnico; é un éxito colectivo das 221 empresas que cren que unidos somos máis fortes e que facer comunidade é o mellor investimento para o futuro de Boiro”, conclúe o presidente.

O presidente quixo tamén enviar unha mensaxe ás empresas que aínda non forman parte da asociación: “A ABE é unha entidade aberta, dinámica e ao servizo de todo o empresariado de Boiro. Gustaríanos que aquelas empresas que aínda non nos coñecen se acheguen, falen connosco e descubran todo o que podemos construír xuntos. Cada nova incorporación fai máis forte á asociación e permítenos impulsar proxectos cada vez máis ambiciosos. O noso obxectivo non é só seguir medrando en número de asociados, senón seguir facendo comunidade e contribuíndo ao desenvolvemento económico de Boiro”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.