
Prosegue a loita das familias do Barbanza contra o acoso inmobiliario e económico de (certas) empresas, unha loita que segundo a Plataforma Stop Desahucios Barbanza, precisa de máis apoio institucional.
Segundo fai saber a plataforma da nosa comarca contra os desafiuzamentos, unha familia de Ribeira vén de presentar unha queixa ante a oficina da Valedora do Pobo pola posibilidade de ser desaloxada da súa vivenda habitual por mor dunha petición, sinálase, do Grupo Altamira, pertencente ao Banco Santander. Dende a Valedora do Pobo (María Dolores Fernández Galiño) comunicaron á familia que “requiriron, en dúas ocasións, información ao Concello de Ribeira e ata a data non lle enviaron o Informe correspondente, cos consecuentes prexuízos que lle poden ocasionar á familia cun certo grao de vulnerabilidade”.
A comunicación emitida dende a Valedora está datada neste xoves 4 de xuño. Nela faise saber o seguinte: “O Concello de Ribeira aínda non nos remitiu a información requirida en relación coa súa queixa, a pesar de que a demandamos en dúas ocasións urxindo o envío do informe. Ante iso, pola nosa parte, coa data de hoxe, Iembrámoslle de novo a citada entidade o seu deber de colaborar ao rápido esclarecemento da situación que nos expón na queixa (art. 26.1 da Lei do Valedor do Pobo). No caso de persistir esta situación procederemos a realizar unha advertencia sobre as súas consecuencias legais. Tan pronto como recibamos o correspondente informe poñerémonos de novo en contacto con vostede, dándolle conta da nosa actuación e, se é posible, da solución do seu problema”.



