
O BNG vén de presentar unha iniciativa ao vindeiro pleno para reclamar “a apertura inmediata do apeadoiro de autobuses de Ribeira”, que, segundo indica a agrupación, “leva pechado desde hai xa varios meses” provocando, sinalan, “importantes prexuízos ás persoas usuarias do transporte público e a condutores de buses”.
O voceiro municipal do BNG, Luís Pérez Barral, compareceu para dar conta desta iniciativa acompañado das concelleiras Cruz Rivadulla e Antía Alberte, e explicou que a proposta nace “logo de que varias persoas usuarias se puxeran en contacto co BNG para trasladarnos o seu malestar e denunciar unha situación inaceptable nun servizo básico para a veciñanza”.
Pérez Barral denunciou que “non se comprende que Ribeira leve máis de medio ano cun apeadoiro de autobuses pechado, impedindo o uso dos baños públicos e deixando ás persoas usuarias sen un espazo cuberto no que agardar polo autobús”.
Advertiu que o peche das instalacións “castiga especialmente a quen emprega o transporte público a diario, obrigándoas a esperar á intemperie, sen resgardo fronte á chuvia, o vento ou o frío”. Isto contrasta co amplo horario que a instalación tiña cando o BNG gobernaba, pois abríase de 8:00 a 23:00 horas.
O portavoz nacionalista lembrou que o transporte público “non debe ser un servizo de segunda, senón que é unha prestación esencial que debe ofrecerse en condicións dignas e cun mínimo de calidade”. Así, criticou ao Goberno local por “demostrar con feitos que o transporte público non está entre as súas prioridades, ao non actuar fronte aos reiterados incumprimentos das empresas concesionarias, con horarios que non se respectan, servizos que directamente non pasan e incidencias constantes sen consecuencia ningunha”, sinalou, poñendo o foco no custo económico que esta situación supón para o Concello: “Estamos ante unha situación absurda: o Concello de Ribeira gastou preto de 300.000€ nas obras do apeadoiro e cuberta de buses e, ademais, desembolsa 70.000 euros anuais á Xunta de Galiza para bonificar o transporte ás persoas usuarias. Non ten ningún sentido que, mentres se pagan estes importes con cartos públicos, as instalacións permanezan pechadas e sen prestar os servizos para os que foron concibidas”, sinalou Pérez Barral.
O BNG considera que “esta situación evidencia unha mala xestión por parte da alcaldesa de Ribeira e unha clara desconexión coas necesidades reais da veciñanza; hai unha desconexión absoluta co que demanda a veciñanza e unha evidente falta de aposta por fomentar o uso do transporte colectivo”, sinala a agrupación, que anunciou que defenderá no pleno unha iniciativa para instar ao Goberno municipal a proceder á apertura inmediata da estación de autobuses de Ribeira, garantindo tanto o acceso aos baños públicos como a utilización das instalacións interiores como espazo de abrigo fronte ás inclemencias meteorolóxicas.
“O mínimo que merecen as persoas usuarias do autobús é contar cun espazo cuberto, con aseos e accesíbel nun horario amplo como o que había cando o BNG estaba na Alcaldía”, sinalou Pérez Barral.



