
O Museo do Gravado de Artes (MUGART) vai celebrar o vindeiro xoves 2 de xullo o seu 25 aniversario. Farao con dous importantes eventos a partir das 20.00 horas e contarase coa asistencia do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, a reitora da USC, Rosa Crujeiras; a secretaria do Consello da Cultura Galega, Paula Cabaleiro Comesaña; a presidenta da Fundación Xaime Quesada Blanco, María Jesús Blanco Piñeiro; varios deputados provinciais e outras autoridades da política e da cultura.
Os actos a celebrar serán os seguintes:
– Inauguración da exposición Xaime Quessada. Imaxe surreal de Galicia
Xaime Quesada Porta (Ourense, 1937-2007). A mostra reúne 49 estampas recuperadas, restauradas e impresas deste artista ourensán tan importante na gráfica galega. Para esta exposición realizouse un traballo de investigación, documentación, estudo, impresión de matrices orixinais e fotografado dos orixinais que leva aparellada a impresión dos traballos de edición dunha publicación científica e divulgativa sobre o resultado do proxecto.
Con esta actuación preténdese difundir a obra do artista galego e apoiar así as grandes figuras da arte galega do pasado e presente da Cultura Galega.
Tamén se presentará o estoxo para bibliófilos que se compón só dunha edición para bibliófilos de 16 exemplares numerada e única autentificada ante notario e realizada a través dun convenio de colaboración entre a Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital e a Fundación Xaime Quesada Blanco.
Contarase coa asistencia do comisario da exposición, José Gómez Alén.
-Inauguración da ampliación do Obradoiro de Gravado do MUGART

Grazas á colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, mediante un convenio de colaboración neste ano 2026, o MUGART puido realizar a ampliación do seu Obradoiro de Gravado, que é a base do Centro Internacional de Investigación e Difusión do Gravado e a Imaxe Dixital que o MUGART quere incorporar como novo eixo fundamental sobre a investigación e o desenvolvemento de novos procesos na gráfica, a imaxe múltiple e a imaxe dixital. Con este centro e os novos obradoiros programados o MUGART estase a posicionar como un centro de referencia internacional único na súa especialidade.
A integración da investigación no museo implica que sexa a propia institución a que desenvolve e difunde as súas investigacións mediante cursos monográficos, exposicións itinerantes e publicacións especializadas. Aínda que o obxectivo principal é aportar novos procesos de Imaxe Múltiple para a formación de docentes en Facultades de Belas Artes, Escolas de Arte e obradoiros profesionais de gravado, así como ofrecer cursos especializados para artistas e estudantes universitarios avanzados, imos máis alá coa creación de cursos de gravado mural, que se impartirán por primeira vez neste centro internacional, único, de carácter público en España que ofreza estes cursos especializados de gran formato.
Así mesmo, o MUGART continuará a ofrecer cursos de gravado a alumnado de Primaria, Ensino Medio, Superior (ESO, BACH) e Universitario durante todo o ano. En palabras da dirección do Museo, “isto significa unha oportunidade para os centros de ensino de achegar ao seu alumnado a arte do gravado e a imaxe dixital”. E engaden: “Axiña queremos levar a cabo novos cursos onde poidamos realizar a aplicación de técnicas de gravado en Educación Primaria dende unha perspectiva de sostibilidade, educación ambiental e aliñación coa normativa vixente (LOMLOE)”. O alumnado ao que irán dirixidos estes cursos son de Ensinanza Primaria (de 6 a 12 anos) onde, por vez primeira en Galicia realizaranse obradoiros e actividades relacionadas con técnicas de gravado, estampado ou impresión artística (por exemplo, monotipia, estampado con materiais de refugallo ou técnicas experimentais).



