O PSdeG de Ribeira critica ao PP e ao PBBI por “votar en contra de esixir responsabilidades polas licenzas ilegais da gasolineira de Xarás”

18 Xuño 2026

O PSdeG de Ribeira emitiu un comunicado no que lamenta, nas súa palabras, “que o Goberno municipal do PP e do PBBI votara hoxe en contra de esixir responsabilidades xurídicas, patrimoniais e políticas das persoas que aprobaron as licenzas declaradas ilegais pola Xustiza para construír a gasolineira de Xarás”.

Lembran os socialistas que o voto en contra produciuse no pleno extraordinario celebrado este xoves 18 no Concello de Ribeira, convocado para abordar as consecuencias das resolucións xudiciais que anularon as licenzas concedidas para a implantación e posterior legalización da estación de servizo, e que estamos, indican, “ante un asunto de gravidade institucional, urbanística e económica, con posíbeis consecuencias directas sobre as arcas municipais”. O grupo socialista asegura non comprender os porqués de que o PP e PBBI “se neguen a reclamar responsabilidades por decisións anuladas polos tribunais e que remataron coa orde de clausura e demolición da gasolineira”.

Máis aínda cando unha soa empresa reclama xa ao Concello de Ribeira 2.700.842,55 euros en concepto de responsabilidade patrimonial, indican.

Durante o pleno, o PSdeG preguntou expresamente se esa reclamación pode condicionar proxectos fundamentais para Ribeira, como a construción do novo polígono industrial ou a posta en marcha das novas instalacións dos servizos municipais. Critican que “nin o PP nin o PBBI responderon” e que “tampouco aclararon como pensan afrontar unha posíbel indemnización, de onde sairían os cartos nin canto pode acabar custando realmente este procedemento”.

O portavoz socialista, Fran Suárez-Puerta, sinalou que “non estamos falando dunha cuestión sen consecuencias. Estamos falando de 2.700.842,55 euros reclamados ao Concello por unha soa empresa, e o mínimo que merecen os veciños e veciñas de Ribeira é saber se isto vai afectar ao novo polígono industrial, aos servizos municipais ou a outros investimentos necesarios”.

O PSdeG di ademais que “todos os tribunais sinalaron que se intentou crear unha ficción xurídica para dar aparencia de legalidade a unha gasolineira que finalmente acabou sendo declarada ilegal”.

O portavoz socialista engadiu que “o máis grave é que todo isto rematou como era de esperar: cunha orde de clausura e demolición e cunha reclamación millonaria contra o Concello. E, aínda así, PP e PBBI prefiren votar en contra de esixir responsabilidades antes que defender con claridade os intereses dos veciños de Ribeira”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.