
O Pazo de Goiáns (Boiro) acollerá o vindeiro 8 de xuño a xornada Deseño, mar e cultura cunha exposición do deseñador boirense Juan Ares. A concelleira de Cultura, María Outeiral, presentou este xoves 4 de xuño a actividade xunto co deseñador.
Trátase dunha colección de móbeis feitos con rede de pesca mariñeira que se poderá visitar no Pazo de Goiáns durante o mes de xuño.
A inauguración da mostra celebrarase o vindeiro luns día 8 ás 19.00 horas e contará cunha charla coloquio coincidindo co Día Mundial dos Océanos.
“O que se busca con esta mostra é compartir cos veciños unha experiencia de 10 anos no deseño con pezas feitas de reutilizar rede de pesca”, afirmou o deseñador.
Xunto coa inauguración da mostra, e para conmemorar o Día Mundial dos Océanos, realizarase un coloquio realizado polo deseñador sobre o respecto ao medio mariño e as oportunidades que xorden do mesmo.
A concelleira de Cultura, María Outeiral, animou á veciñanza a visitar “esta mostra tan especial que mestura deseño, mar e cultura e que se vai levar a cabo nun lugar tan especial como é o Pazo de Goiáns”.



