
O Laboratorio de Análises Clínicas do Hospital de Barbanza vén de renovar a certificación do seu sistema de xestión de calidade segundo a norma UNE-EN ISO 9001 tras implantar novos equipos, sistema informático e actualizar os procesos asistenciais.
Pertencente ao Servizo de Análises Clínicas da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, obtivo a certificación inicial do seu Sistema de Xestión de Calidade segundo a norma internacional UNE-EN ISO 9001 en 2010.
Dende a Área Sanitaria explican que durante 2025 “leváronse a cabo grandes cambios, tanto de infraestrutura técnica de equipos como do sistema informático que da soporte ao laboratorio, polo que foi preciso incorporar eses cambios á documentación do Sistema de Xestión de Calidade, así como modificar aspectos relevantes do mesmo como análise de contexto, indicadores, riscos e oportunidades, etc..”.
En canto aos recursos humanos, o laboratorio do centro de Oleiros conta cun equipo formado por 16 profesionais: 1 administrativo, 13 técnicos de laboratorio e 2 facultativas que se incorporaron ao servizo en setembro do 2025.
Entre xaneiro e febreiro deste 2026 leváronse a cabo tanto a auditoría interna como externa que fixeron posíbel novamente a recertificación do Laboratorio, e premiaron o esforzo de todo o persoal, acreditando “o compromiso continuo coa excelencia na implicación de todos os profesionais que forman e formaron parte deste Laboratorio ao longo destes anos, nos que afrontaron con solvencia e rigor as dificultades e cambios no equipo asistencial, mantendo os seus excelentes resultados”, destacouse.
A Área Sanitaria salientou tamén que “os sistemas de xestión de calidade constitúen unha valiosa ferramenta para a sistematización das mellores prácticas no desenvolvemento dos procesos asistenciais e a medición e mellora continua do desempeño e dos resultados dos servizos sanitarios, así como a valoración da satisfacción e expectativas dos profesionais solicitantes e a avaliación anual do cumprimento dos requisitos mediante auditorías, internas e externas”.
As avaliacións anuais, tanto internas como externas, aseguran que “os servizos cumpren cos máis altos estándares de calidade, fomentando unha cultura de mellora continua na organización”.



