A Corporación municipal de Ribeira debateu en pleno extraordinario, este xoves 18 de xuño, a situación xurídica da gasolineira SBC, no Polígono Industrial de Xarás, a petición do BNG, PSdeG-PSOE e 1 non adscrito; un punto que foi denegado ao contar con 7 votos a favor (BNG, PSdeG-PSOE e non adscritos) e 12 en contra (PP e PBBI). O Goberno municipal incitou á oposición “a actuar con responsabilidade, prudencia e rigor” por tratarse, sinalaron, “dun expediente complexo que contaba cos pertinentes informes técnicos favorábeis”.

O Executivo local insistiu en “que estes informes foron emitidos polo mesmo persoal técnico que se encarga doutro tipo de tramitacións como o outorgamento de licenzas urbanísticas” e defenderon “o traballo destes traballadores municipais e no seu criterio”, pois “son os mesmos que emitiron os informes das licenzas que vostedes aprobaban”, apuntou a alcaldesa.
En consecuencia, dende o equipo liderado por María Sampedro avogaron por facer “unha política centrada en encontrar solucións e non instrumentalizar a técnicos municipais con fins partidistas”, xa que acusan á oposición de “construír o relato da empresa da gasolineira e non poñerse do lado do Concello de Ribeira e defender os intereses da cidadanía e da institución”.
A rexedora dixo tamén que a Xunta de Goberno Local “fixo o que tiña que facer e dentro da legalidade”, pois trátase dun órgano colexiado ao que chegan as licenzas unha vez emitidos os informes técnicos perceptivos; e se este órgano non aproba unha licenza que conta coa documentación favorábel, estaría prevaricando”. Ademais, dixo, “este tipo de expedientes inícianse unha vez se solicita a declaración de impacto ambiente a petición do promotor, como así foi,
e este foi favorábel nas dúas ocasións por parte da Administración autonómica antes de dar traslado ao Concello”.

Así mesmo, a mandataria local sinalou que “houbo subsanación catastral na que o Concello non interveu para nada, senón que foi tramitada polo propietario ante Catastro, Notaría e Rexistro”. E engadiu: “Imos seguir traballando, defendendo man a man cos asesores xurídicos, os intereses dos veciños e veciñas. O que vai resolver o problema é traballar para defender os intereses de Ribeira e deixar de lado a política súa de canto peor, mellor”. A rexedora acusou tamén ao anterior executivo de “non incoar o expediente de responsabilidade patrimonial” e criticou ao voceiro do BNG e ex-alcalde, Luís Pérez, por “non facer nada por poñer ese expediente en marcha e agora vén aquí pedir explicacións”.
Durante a súa intervención, a primeira edil tamén sinalou que “o Concello de Ribeira se atopa en dous contenciosos pola municipalización do aparcadoiro do Centenario a petición da empresa que dirixía esta zona de estacionamento e do Sareb e que reclaman seis millóns de euros”. E engadiu, dirixíndose á oposicion: “Pola súa decisión política estamos tamén nesta situación cunhas reclamacións duns seis millóns de euros e, a diferenza de vostedes, este goberno si se vai a defender pensando nos veciños e na institución”.
Tamén se pronunciou en sentido similar o primeiro tenente de alcalde, Vicente Mariño, quen sinalou que “cando escoitamos as súas intervencións parece que
vostedes, do BNG, están defendendo a gasolineira. A empresa presenta unha reclamación patrimonial ao Concello co fundamento de que a Administración municipal é a única responsable dos danos que alega haber sufrido. Precisamente por iso debemos actuar con rigor, con prudencia e con responsabilidade”. Dirixíndose ao voceiro do BNG, acusouno de “actuar sen rigor, sen prudencia e sen responsabilidade”.



