Ribeira celebrou este xoves 18 de xuño un pleno extraordinario convocado polo BNG, PSOE e Non Adscritos para que, segundo avanzaron previamente de maneira conxunta, “haxa luz e taquígrafos sobre as reclamacións que lle fan ao Concello de Ribeira de ata case 4 millóns de euros por outorgar unha licenza ilegal para a construción da gasolineira SBC en Xarás”.

O BNG criticou ao Goberno de María Sampedro porque, nas súas palabras, “volveu poñerse do lado dos responsábeis da concesión das licenzas, declaradas ilegais pola Xustiza, da gasolineira de Xarás e non do lado dos intereses xerais da veciñanza de Ribeira, ao votar en contra da proposta para iniciar os trámites que permitan depurar responsabilidades políticas e derivar as responsabilidades patrimoniais neste caso aos seus causantes”.
O pleno extraordinario foi solicitado ante o que foi en palabras do BNG, o PSOE e Non Adscritos “unha estratexia de ocultación de información mantida polo Executivo local sobre un expediente que pode rematar cunha responsabilidade patrimonial para o Concello próxima aos catro millóns de euros”. Para a oposición, “esta situación pon en risco a estabilidade do Concello de Ribeira xa que a día de hoxe mantense unha débeda creada polo Partido Popular de 13 millóns de euros”.
Durante a sesión, os nacionalistas denunciaron que “o Goberno do PP non incorporou ao expediente documentación relevante, entre ela dous informes desfavorábeis emitidos pola Dirección Xeral de Montes en febreiro do ano 2020, que advertían da imposibilidade de autorizar unha actuación destas características nun solo sometido a protección forestal”.
O voceiro do BNG, Luís Pérez Barral, sinalou que “nestes dous informes dise de maneira literal que non se podía realizar o cambio de uso, nin por tanto, construírse a infraestrutura por vulnerar a prohibición de cambio de uso establecida pola Lei de Montes de Galiza, ao afectar tres incendios a parcela”.
Barral dixo tamén que “a estación de servizo foi autorizada nun terreo sobre o que pesaban limitacións urbanísticas e sectoriais que facían inviábel a actuación, circunstancia que foi advertida por diferentes organismos e posteriormente confirmada pola Xustiza”.
“As sentenzas son claras. Non estamos ante un erro administrativo, xa que o PP sabía que existían eses informes e agochounos para seguir adiante, estamos ante unhas licenzas que foron declaradas nulas pola Xustiza en todas as instancias. Quen tomou esas decisións debe asumir as consecuencias e responder polos seus actos”, afirmou o voceiro, engadindo “que resulta moi grave que o Partido Popular votase en contra de emprender as accións oportunas para reclamar responsabilidades patrimoniais ás persoas que formaban parte das xuntas de goberno que aprobaron as licenzas anuladas posteriormente polos tribunais, Xuntas de Goberno Local nas que ademais de Manuel Ruiz, tamén estaban concelleiros e concelleiras do PP que hoxe forman parte da Corporación Municipal como María Sampedro, Ana Barreiro, Victor Reiriz, Juana Brión e Ramón Doval”.
E apuntou que o BNG impulsará “todas as accións necesarias para defender os cartos públicos e evitar a suba de impostos en Ribeira”.
Ante a posibilidade de que o Concello teña que afrontar unha indemnización millonaria, o Bloque reiterou “que seguirá traballando para evitar que o custo desta actuación recaia sobre os petos da veciñanza”.
“Desde o BNG temos unha posición moi clara: nin un só euro dos veciños e veciñas de Ribeira debería destinarse a pagar as ilegalidades do Partido Popular. Se hai responsabilidades, deben recaer sobre quen concedeu esas licenzas ilegais e non sobre o conxunto da poboación”, afirmou o portavoz nacionalista.




