O BNG apoia no Barbanza a concentración en defensa dunha sanidade pública digna e “contra o aumento das listas de agarda”

04 Xuño 2026

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) participou este mércores 3 de xuño na concentración convocada por SOS Sanidade Pública e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza diante do Hospital da Barbanza en defensa da sanidade pública e para denunciar “o continuo incremento das listas de agarda, unha situación que afecta de maneira cada vez máis grave á veciñanza da comarca e do conxunto de Galiza”, segundo sinalou a agrupación nacionalista.

A mobilización, impulsada no marco das protestas desenvolvidas este mércores diante de centros de atención primaria e hospitais de toda a xeografía galega, serviu para reclamar “unha atención sanitaria pública digna, de calidade e sen demoras excesivas para a poboación”.

O responsábel comarcal do BNG, Fran Rei, encabezou a representación nacionalista na concentración e denunciou “o deterioro cada vez máis evidente da Sanidade pública provocado polas políticas de recortes e privatización que aplica o Partido Popular desde a Xunta”.

“Estamos asistindo a un empeoramento da atención sanitaria, cunhas listas de agarda que medran tanto en Atención Primaria como no ámbito hospitalario. O PP está a empurrar á xente cara á sanidade privada pola vía dos feitos”, afirmou Rei.

O dirixente nacionalista reclamou “un cambio de rumbo por parte do Goberno galego” e esixiu “un reforzo inmediato con máis profesionais, medios e unha planificación sanitaria que contribúa a reducir as esperas excesivas que se viven hoxe en día para mellorar a situación xeral da Sanidade pública”.

Pola súa banda, o exalcalde e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, dixo “que o Partido Popular fixo un recorte de 1.650 millóns de euros no sistema público de saúde nestes anos de gobernos populares mentres aumenta os recursos que deriva á privada, até acadar só este ano 2026 a cifra récord de 341 millóns de euros”. E engadiu: “Na comarca do Barbanza estamos vendo como aumentan as dificultades para acceder a especialistas, probas diagnósticas ou intervencións nun tempo razoable. A sanidade pública é un dereito e imos seguir traballando dende as institucións pero tamén mobilizándonos e apoiando todas aquelas iniciativas que sirvan para defendela fronte os ataques que recibe do Partido Popular”.

Desde o BNG reiteraron o seu “compromiso coa defensa dunha sanidade pública e de calidade”, e fixeron “un chamamento á poboación para continuar participando nas mobilizacións en defensa dun sistema sanitario “que garanta unha atención digna e sen listas de agarda excesivas”.

Outros artigos

Este xoves 11 teremos ceos con nubes altas e unha suba das temperaturas

Galicia vivirá este xoves 11, San Bernabé, unha xornada marcada pola estabilidade atmosférica, coa influencia anticiclónica e a entrada dunha masa de aire cálido procedente de latitudes inferiores. Agárdanse ceos con nubes altas, aínda que estas non impedirán o paso...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La ley seca en Riazor”. José Castro López

“La ley seca en Riazor”. José Castro López

Acabó la temporada futbolística y, con ella, las alegrías, las decepciones, los ascensossoñados y los descensos temidos. Pero cuando el balón deja de rodar queda tiempo parareflexionar sobre algunas cosas que ocurrieron en los estadios y que merecen unareflexión.Una...