O Concello de Noia e o IES Virxe do Mar coorganizan un curso da Universidade de Verán da USC no marco do proxecto europeo EduCO2Health, liderado polo doutor Ángel Carracedo, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica. Desenvolverase este mes, baixo o epígrafe Xenes, ambiente e saúde: o cinema baixo o enfoque One Health (OMS), os días 29 e 30 de xuño no Coliseo Noela de Noia.

O Concello explica que este curso ofrece unha aproximación innovadora á saúde global a través do enfoque One Health, que entende a saúde humana, animal e ambiental como realidades interconectadas.
Ao longo das sesións abordaranse cuestións de gran actualidade, como o impacto do ambiente e do cambio climático na saúde, as interaccións xene-ambiente nas patoloxías humanas, a influencia dos factores ambientais na expresión xenética, os retos actuais analizados desde a perspectiva One Health, e o papel da ciencia e da comunicación na comprensión destes desafíos.
Un dos aspectos máis singulares do curso será o uso do cinema como ferramenta de divulgación e reflexión, favorecendo unha visión crítica e interdisciplinar sobre os problemas de saúde global. Ademais, as dúas últimas actividades incluirán a estrea do documental realizado coa participación do alumnado do IES Virxe do Mar e unha obra de teatro musical preparada polo alumnado do centro.
O curso está dirixido a estudantes universitarios/as, profesionais da saúde, investigadores/as, docentes e a todas as persoas interesadas na relación entre ciencia, saúde e sociedade.
Toda a información da actividade formativa e a posibilidade de realizar a inscrición, na web da USC.



