Máis de 30 persoas participan nas xornadas do Premio Emprende-Co Pobra

10 Xuño 2026

O Concello da Pobra do Caramiñal celebrou os días 1 e 9 de xuño dúas sesións informativas sobre o Premio Emprende-Co Pobra, unha iniciativa municipal de apoio ao emprendemento e á dinamización do comercio local impulsada pola área de Promoción Económica co respaldo da Deputación da Coruña.

As convocatorias, desenvolvidas no Coworking Pobra, reuniron a máis de 30 participantes procedentes da Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Ribeira, o que, en palabras do Concello da Pobra, “evidencia o interese que está a espertar esta proposta en toda a comarca do Barbanza”.

Nas sesións participaron a concelleira de Promoción Económica, Amparo Cerecedo; a técnica municipal Sara Sánchez; e Fátima Rodríguez, responsábel da asistencia técnica do Coworking Pobra. Tras as intervencións, habilitouse un espazo para a resolución de dúbidas no que as persoas asistentes puideron coñecer con detalle todos os aspectos da convocatoria. Como peche da xornada, Sara Sánchez guiou un percorrido pola vila para dar a coñecer distintas áreas comerciais e algúns dos locais que poderán formar parte do premio.

De xeito paralelo o Concello anunciou que traballa xa na creación dunha bolsa de locais comerciais baleiros en colaboración con persoas propietarias e inmobiliarias do municipio. O obxectivo é dispoñer dunha relación de espazos que permita asignar a cada unha das dúas iniciativas gañadoras o establecemento que mellor se adapte ás características e necesidades do seu proxecto.

As participantes valoraron de xeito positivo a iniciativa. Unha delas destacou que se trata de “unha oportunidade moi boa para quen queira emprender na nosa vila” e subliñou especialmente a importancia do acompañamento profesional durante o proceso: “Valoro sobre todo, ademais do local e da achega económica para os primeiros gastos, que exista un servizo de asesoramento, que haxa persoas expertas que nos acompañen no camiño de emprender, porque moitas veces facelo soa e por primeira vez asusta, e contar con ese apoio achega moita tranquilidade”.

A concelleira de Promoción Económica, Amparo Cerecedo, amosouse moi satisfeita coa acollida da iniciativa: “A repercusión que está a ter o proxecto, non só na Pobra senón tamén en toda a comarca e noutras zonas próximas, está a superar as nosas expectativas. Agardamos publicar as bases reguladoras moi pronto. Mentres tanto, é fundamental que as persoas interesadas vaian preparando as súas propostas. Ademais, quen o desexe poderá contar co acompañamento do Coworking Pobra. De feito, nos últimos días incorporáronse catro novas persoas para traballar no seu plan de negocio e na viabilidade das súas ideas empresariais”.

Máis de 60 entidades colaboran na difusión

Co obxectivo de dar a coñecer a iniciativa, o Concello está a contactar con máis de 60 entidades da comarca, administracións locais da contorna e organizacións de ámbito provincial e autonómico. Entre elas atópanse entidades vinculadas ao emprendemento e ao comercio, centros de formación profesional, cámaras de comercio, asociacións empresariais, colectivos de persoas autónomas e cooperativas, a Rede Provincial de Coworkings da Deputación da Coruña, os Polos de Emprendemento da Xunta de Galicia e grupos de desenvolvemento rural, entre outras.

Que ofrece o Premio Emprende-Co Pobra

As dúas iniciativas gañadoras recibirán un paquete integral de apoio para poñer en marcha o seu negocio comercial na Pobra do Caramiñal:

• Cesión gratuíta dun local comercial no centro da vila durante un período de entre 6 e 12 meses.

• Dotación económica de 10.000 euros para afrontar os custos iniciais da actividade.

• Asesoramento individualizado en emprendemento e comercio durante entre 6 e 12 meses.

• Incorporación á rede comercial local, con acceso ás campañas de promoción e dinamización conxunta.

Poderá presentar solicitude calquera persoa física ou xurídica que desexe abrir un establecemento comercial na Pobra do Caramiñal, incluídas persoas autónomas, microempresas, pemes e iniciativas de economía social.

O prazo de presentación abrirase proximamente

A publicación das bases reguladoras e a apertura do prazo para concorrer ao premio están previstas para as próximas semanas. Unha vez aprobadas, as persoas interesadas disporán de 15 días para formalizar a súa solicitude, polo que se recomenda preparar con antelación a documentación necesaria.

Outros artigos

Noia legaliza o seu Punto Limpo

O Concello de Noia vén de culminar o proceso de legalización do Punto Limpo municipal, poñendo fin a unha situación administrativa que segundo lembrou o Goberno local, “víase arrastrando desde hai anos”. A legalización constitúe “un paso importante para mellorar a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.