
Este domingo 7 de xuño o grupo DeBiselas vai celebrar en Rianxo un concerto para a rapazada e tamén para público adulto: o espectáculo Merendola Desconcertante. Será no Centro Sociocultural da Atalaia (Escolas Vellas de Asados, Rianxo) a partir das 19.00 horas, con entrada libre. Trátase dunha cita musical encadrada no programa Festa da Música 2026 organizado pola Deputación da Coruña, neste caso en colaboración co Concello de Rianxo.
O cuarteto de frautas travesas formado por Sabela Galbán, Carlota Salgado, Valeria González e Bea Rodríguez ofrece unha proposta musical acompañada de petiscos literarios e visuais.
O Cuarteto DeBiselas naceu na primavera de 2016, cando as súas catro fundadoras estaban en vías de finalizar os seus estudos na aula de frauta do Conservatorio Superior de Música da Coruña. Trátase dun proxecto que quere dar a coñecer a frauta travesa a través da súa sonoridade en ensemble. Segundo adiantan, ofrecen neste espectáculo un programa no que a diversidade ten un papel moi importante: formacións de dúo, trío e cuarteto con repertorio que abrangue obras compostas no período Barroco, no Clasicismo, no Romanticismo, en pleno século XX e tamén no momento presente.
DeBiselas é un colectivo multidisciplinar onde se fusionan o sentido auditivo e o visual nun formato dinámico no que o público pode establecer correspondencias entre o sonoro e o plástico, combinando música, ilustracións e texto.
En Merendola desconcertante ofrecen unha pequena variedade de pezas musicais coas autorías de Franco Cesarini, Raymond Guiot, Rosendo Mato Hermida, Carlos Gardel ou Satoshi Yagisawa, entre outras. A música complétase con petiscos visuais, con contidos gráficos orixinais deseñados por Carlota Salgado, e literarios, con textos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Rosalía de Castro, Esther F. Carrodegüas, Fran Gómez e María Xosé Silvar.



