Boiro ten unha taxa de criminalidade inferior á media estatal, con 45 delitos por cada 1.000 habitantes

16 Xuño 2026

Este martes 16 de xuño celebrouse no Consistorio de Boiro a Xunta Local de Seguridade do Concello, unha xeira de traballo na que participaron o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, o alcalde, José Ramón Romero, e os representantes dos corpos policiais con presenza no termo municipal: Policía Local e Garda Civil. Na xuntanza foron analizados os datos de seguridade correspondentes ao último ano e coordináronse os dispositivos e medios dispoñíbeis para afrontar a época estival, poñendo o foco nas multitudinarias celebracións e eventos do verán que acubilla Boiro cada ano.

Durante o encontro constatouse que Boiro mantén unha taxa de criminalidade inferior á media estatal, con 45 delitos por cada mil habitantes. Ademais, os datos do primeiro cuadrimestre de 2026 reflicten “unha evolución positiva, cun descenso considerábel tanto dos delitos como das infraccións penais rexistradas no concello”, sinalaron.

Julio Abalde destacou que estes resultados “reflicten o bo traballo desenvolvido pola Garda Civil e a estreita colaboración co Concello de Boiro para garantir a seguridade da cidadanía”.

O subdelegado engadiu que “a colaboración entre administracións e forzas de seguridade é fundamental para seguir avanzando nun concello seguro e cunha convivencia de calidade”. Durante a xunta, púxose de relevo o incremento de equipo humano do posto da Garda Civil da Pobra do Caramiñal, que dá cobertura a Boiro, no que se vai duplicar o número de efectivos. Con respecto ao dispositivo para as festas de verán, do 3 ao 8 de xullo, o alcalde explicou que están valorando instalar un Posto de Mando Avanzado cun sistema de vixilancia específica para eses días nos lugares en que se desenvolverán as festas.

Plan Director

Durante a reunión tamén se presentaron os resultados do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas, unha iniciativa do Ministerio do Interior desenvolvida en Boiro pola Garda Civil.

No último curso participaron seis centros educativos do municipio, cun total de 1.008 persoas da comunidade educativa entre alumnado, profesorado e familias. En total realizáronse 48 actividades formativas e de sensibilización, das que 14 estiveron centradas nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), Internet e ciberseguridade; outras 14 abordaron cuestións relacionadas co acoso escolar e o ciberacoso; mentres que o resto trataron aspectos como o consumo de drogas e alcohol, as adiccións comportamentais vinculadas ás apostas e aos videoxogos, a violencia de xénero e a violencia e o maltrato no ámbito familiar.

Julio Abalde aproveitou a súa intervención para poñer en valor os resultados acadados polo Plan Director en toda a provincia da Coruña durante 2025. Ao longo do ano participaron 349 centros educativos, o que representa o 75% dos existentes na provincia e supón un incremento do 5% respecto ao exercicio anterior. Ademais, máis de 49.000 persoas tomaron parte nas actividades impulsadas pola Policía Nacional e a Garda Civil.

“O Plan Director é unha ferramenta fundamental para previr situacións de risco e promover valores de convivencia, respecto e uso responsable das novas tecnoloxías entre a mocidade”, destacou o subdelegado.

Outro dos asuntos abordados na Xunta Local de Seguridade foi a coordinación das actuacións en materia de violencia de xénero. O Concello de Boiro está integrado no Sistema VioGén, impulsado polo Goberno de España para o seguimento e protección das vítimas.

No marco desta política pública, o Concello de Boiro recibiu desde 2018 un total de 63.228 euros procedentes dos Fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Desa contía, 14.655 euros corresponden á asignación recibida no ano 2025 para o desenvolvemento de actuacións de prevención e sensibilización.

Outros artigos

Ribeira prepárase para unha nova edición do IV Ciclo da USC

O Concello de Ribeira mantén aberto o prazo de matrícula da IV Ciclo da USC ata o 24 de xullo; unha acción formativa dirixida a alumnado maior de 50 anos, tal e como indicou a concelleira de Educación, Nucha Brión. Segundo manifesta a edil, "nunca é tarde para seguir...

+

Este domingo 12 celébrase a XII Carreira pola Diversidade de Ambar

Este domingo 12 de xullo, terá lugar a celebración da Carreira pola Diversidade dende as 10h na explanada de Coroso (Ribeira), tras o aprazamento da data inicial no mes de maio. A gran novidade desta edición é o enfoque cara a unha "experiencia transformadora". Ambar...

+

Julián Bustelo e Ana Vidal visitan a rapazada do Concilia Verán 2026

O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, e a concelleira de Xuventude, Ana Vidal, visitaron esta semana aos nenos e nenas participantes no programa Concilia Verán 2026: unha completa axenda de actividades para favorecer no concello a harmonía entre o tempo de lecer da...

+

Este sábado celébrase a Festa de San Benito de Bergondo (Noia)

Este sábado 11 de xullo, a parroquia de Bergondo (Noia) vai celebrar a súa tradicional Festa de San Benito cunha programación pensada para todas as idades: sesión vermú, gastronomía, inchábeis con auga, festa da escuma e moita música ata ben entrada a noite. A festa...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.