As Quincenas Fantásticas 2026 regresan a Boiro cun novo impulso para o comercio local

30 Xuño 2026

A Asociación Boirense de Empresas (ABE) pon en marcha este verán unha nova edición da campaña Quincenas Fantásticas, unha iniciativa xa consolidada no calendario estival de Boiro que nace cun dobre propósito: dinamizar o comercio local e, sobre todo, agradecer a confianza das persoas que cada día escollen mercar nos nosos establecementos.

A campaña desenvolverase entre o 1 de xullo e o 3 de agosto de 2026, período no que todas as persoas que realicen compras nos establecementos asociados á ABE poderán participar no sorteo de 1.000 euros en bonos ABE simplemente rexistrando os seus tíckets ou facturas a través da aplicación dispoñíbel na web da ABE.

Segundo informa a asociación, cada rexistro válido contará como unha participación no sorteo correspondente á quincena na que se rexistre a compra, sempre que o establecemento sexa un negocio asociado e o tícket cumpra os requisitos establecidos nas bases.

Amais, en cada unha das dúas quincenas sortearanse 500 euros en bonos ABE, distribuídos en tres premios de 250, 150 e 100 euros. Estes bonos poderán empregarse exclusivamente nos comercios asociados, reforzando así o obxectivo principal da campaña: que o valor quede en Boiro e siga xerando vida, actividade e proximidade.

As datas dos sorteos serán as seguintes:

1ª quincena (1 ao 15 de xullo): sorteo o 17 de xullo.

2ª quincena (16 de xullo ao 3 de agosto): sorteo o 3 de agosto.

O presidente da ABE, Daniel García, destacou que esta campaña “é unha forma de devolverlle á veciñanza e tamén ás persoas que nos visitan no verán unha pequena parte de todo o que lle dan ao noso comercio durante o ano. Cada compra nun establecemento local é moito máis que unha transacción: é confianza, é apoio e é futuro para o noso pobo”.

A campaña conta con financiamento da Xunta de Galicia, no marco das accións de dinamización e apoio ao comercio de proximidade, e coa implicación directa dos máis de 215 establecementos asociados á ABE, que un ano máis fan posible esta iniciativa colectiva.

Dende a entidade organizadora sublíñase que esta edición chega co obxectivo de “seguir medrando e superando a excelente resposta dos últimos anos”. Neste senso, lembran que en 2024 rexistráronse 3.588 participacións totais, mentres que en 2025 a campaña acadou un récord histórico con 4.395 participacións, consolidando o seu crecemento e o forte vínculo entre comercio e cidadanía.

Máis aló dos datos, dende a ABE destácase o máis importante: cada tícket rexistrado representa unha mostra de confianza no comercio local. Por iso, engaden, “as Quincenas Fantásticas queren seguir sendo tamén iso, unha maneira sinxela pero significativa de agradecer a clientes habituais, veciños e visitantes que fan realidade que o comercio de Boiro siga vivo, próximo e cheo de futuro”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

Un gobernante é un servidor público e como tal se merece o respecto necesario, con independencia do partido ao que pertenza ou teña a ideoloxía que teña. O que non pode ser é que o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, con máis de tres décadas no cargo como...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.