A Dorna e martes de entroido serán festivos locais en Ribeira no 2027

30 Xuño 2026

Ribeira recuperará no ano 2027 como festivos locais o Martes de Entroido e o 24 de xullo, Día da Festa da Dorna logo de aprobarse por unanimidade a proposta formulada polo BNG. A iniciativa, presentada polo portavoz Luís Pérez Barral, propoñía que ambas datas quedasen fixadas con carácter permanente. “Porén”, explicaron os nacionalistas, “a negativa do PP e PBBI impediu darlle esa permanencia e limitar o acordo ao calendario ao 2027”.

Para o exalcalde e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, “o acordo supón un paso adiante porque garante que en 2027 o Martes de Entroido e o Día da Dorna serán festivos locais en Ribeira. A partir de aí, o noso obxectivo e o dunha maioría de veciños e veciñas segue sendo claro: consolidar estes festivos con carácter permanente que eviten andar a bandazos”.

Durante a súa intervención no pleno, Pérez Barral evocou o pensamento de Castelao para lembrar que “a cultura é a afirmación da nosa personalidade”, sinalando que a Festa da Dorna, declarada de Interese Turístico, “xera un impacto económico moi importante e representa un dos maiores símbolos da identidade ribeirense, mentres que o Martes de Entroido foi durante décadas unha das datas máis consolidadas do calendario local ata que foi eliminado polo Partido Popular e permite dinamizar a hostalaría nunha época frouxa”.

A proposta tamén establece un modelo que permite potenciar tamén as festas patronais de Santa Uxía, concentrando a programación lúdica na segunda fin de semana de setembro para favorecer unha maior participación e maximizar o investimento público que realiza o Concello de Ribeira para a celebración desta festividade. “Todo isto facilitaría que a veciñanza puidese participar das actividades que se organizan en cada evento”, sinalou Pérez Barral, quen recordou que “o Goberno municipal foi alternando os festivos segundo os anos, chegando a defender posicións totalmente contraditorias”. E engadiu: “En 2021 PP e PPBI negáronse a declarar festivo o Día da Dorna porque o 24 de xullo cadraba en sábado; porén, para 2027, a data volve cadrar en sábado pero nesta ocasión si votaron a favor. A única diferenza é que en 2027 hai eleccións municipais. Non se pode xogar con Ribeira nin cos seus festexos por puro interese electoral”, afirmou.

Pérez Barral sinalou que “o BNG sempre defendeu o mesmo, independentemente do calendario electoral: estabilidade, planificación e protección para o Entroido e para a Dorna. As familias, o comercio e a hostalaría merecen certezas e non decisións que cambian segundo a conveniencia política do goberno”.

A formación considera que o resultado supón unha vitoria social e política: “Hoxe o pobo de Ribeira gaña a batalla de 2027, pero isto non remata aquí. O noso compromiso é seguir traballando para que o Martes de Entroido e o Día da Dorna queden blindados de maneira permanente. A identidade de Ribeira non pode depender dos cambios de criterio dun goberno nin das maiorías de cada mandato”, afirmou Pérez Barral.

O BNG agradeceu o apoio social recibido nos últimas días arredor desta reivindicación e comprometeuse a continuar traballando en diálogo coa sociedade e en positivo con iniciativas que reforcen a identidade de Ribeira, impulsen a economía local e dean estabilidade á veciñanza.

Outros artigos

A III edición da Noite Tradi encheu a praza da Igrexa de Ribeira

Este sábado 11 de xullo de 22 a 01:30 h celebrouse en Ribeira, na Porto do Sol (perante a Igrexa Parroquial de Santa Uxía) a terceira edición da Noite Tradi, organizada pola Asociación Cultural Bailadela e a Concelleria de Cultura de Ribeira. Contou coa actuación da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.