
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, cualifica como “un paso histórico” a aprobación na Comisión do Congreso do ditame sobre a transferencia da AP-9 á Galiza, destacando que “por vez primeira a reivindicación social e política avalada en múltiples ocasións polo Parlamento Galego chega tan lonxe na súa tramitación”.
“Hoxe é un bo día” afirmou Rego durante a súa intervención, lembrando que “das 5 veces que foi aprobada por unanimidade no Parlamento da Galiza nunca chegou a este punto”, engadindo que “en moitas ocasións a iniciativa foi vetada polo PP, e mesmo, gardada nun caixón ou foi obxecto de continuas dilacións”.
Para o deputado nacionalista, o acordo acadado supón un avance decisivo porque “estamos máis preto do que a sociedade galega vén reclamando: transferir á Galiza unha infraestrutura destas características”.
Rego destacou “o traballo de negociación desenvolvido nos últimos meses” e explicou que “hoxe abordamos a transferencia. A negociación e o proceso de diálogo fixo que chegásemos a unha solución transaccional”, unha proposta que, segundo sinalou, é “unha solución que cumpre todos os criterios aprobados pola unanimidade da cámara galega”.
O deputado do BNG destacou que o texto acordado garante a “transferencia da titularidade da infraestrutura, das competencias na xestión” e que o “o Estado asume todas as consecuencias derivadas das decisións tomadas sobre a AP-9, incluídas as económicas”.
Ademais, fixo especial fincapé “nas garantías incorporadas respecto da posíbel anulación da prórroga da concesión aprobada polo Goberno do Partido Popular de Aznar”. Trátase, dixo,” dunha garantía absoluta de que, se se chega a producir a anulación da prórroga do PP como consecuencia de ter sido ilegal, quen deberá indemnizar a concesionaria será o Goberno do Estado, o que é unha salvagarda absoluta.
Néstor Rego lembrou que “en 2020 o Partido Popular de Aznar aprobou unha prórroga” e reprochou aos populares o que cualificou de “campaña emprendida contra o acordo acadado”.
O deputado nacionalista dixo tamén que “despois de que se producira o acordo, o PP lanzou unha campaña masiva para xustificar o seu voto en contra, un comportamento que non nos sorprende nada. No fondo é coherente porque foi o PP quen acordou a prórroga ilegal”.
Rego puxo o foco na “responsabilidade histórica dos populares na situación actual da autoestrada”.
“Foi o PP quen privatizou a empresa pública que se encargaba da concesión da Autoestrada. Foi Ana Pastor quen acordou un convenio que obriga subir no ano 2013 1% nas tarifas”, indicou.



