Antón Riveiro Coello, nomeado fillo adoptivo de Boiro por unanimidade da corporación

27 Xuño 2026

O escritor Antón Riveiro Coello foi nomeado este sábado 27 de xuño fillo adoptivo de Boiro nun pleno extraordinario celebrado pola Corporación municipal. A proposta foi aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos.

O recoñecemento naceu por iniciativa dos equipos de Dinamización da Lingua Galega do municipio, que destacaron a ampla traxectoria literaria do autor como un dos referentes da narrativa galega contemporánea, o seu compromiso coa lingua galega e coa cultura da comarca do Barbanza, así como a súa contribución á proxección da imaxe de Boiro a través da súa obra, traducida a linguas como o castelán, o portugués, o italiano e o inglés.

Tras a sesión plenaria, a Casa Consistorial acolleu un acto institucional no que o homenaxeado expresou o seu agradecemento polo nomeamento. Durante a súa intervención lembrou a súa vinculación coa vila: “O azar tróuxonos a unha vila como Boiro, onde o mar acabou por formar parte da miña vida e tamén da miña escrita, porque os lugares que amamos acaban escribindo dentro de nós”.

O acto contou tamén coa participación de alumnado dos centros educativos do municipio, que deu lectura a diferentes textos do escritor recollidos nas publicacións Cartafol do Barbanza e A Voz do Lago.

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, pechou o acto destacando o compromiso de Antón Riveiro Coello coa vida cultural e social da localidade. “Un non elixe onde nace, pero si onde bota raíces, e Antón converteuse nun veciño comprometido que participa activamente na vida social e cultural de Boiro e que contribuíu a proxectar o nome do noso municipio”, afirmou.

Coa concesión desta distinción, Antón Riveiro Coello incorpórase á relación de persoas distinguidas polo Concello de Boiro, na que tamén figuran Raimundo García Domínguez, “Borobó”, como fillo adoptivo, e Ramón Martínez López como fillo predilecto.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

Un gobernante é un servidor público e como tal se merece o respecto necesario, con independencia do partido ao que pertenza ou teña a ideoloxía que teña. O que non pode ser é que o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, con máis de tres décadas no cargo como...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.