A Xunta puxo a punto os campamentos xuvenís do Son e Boiro antes do inicio da campaña, este 1 de xullo

29 Xuño 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez, visitou este luns 29 de xuño o complexo xuvenil Virxe do Loreto en Porto do Son e máis o albergue Espiñeira, de Boiro, para supervisar a posta a punto das súas instalacións poucos días antes do inicio da campaña de verán, este mércores 1 de xullo, na que centos de nenos e nenas poderán desfrutar do seu tempo de lecer a través das actividades organizadas pola Xunta de Galicia.

A delegada lembrou que estas actividades forman parte da campaña Modo Verán Activo, que alcanza este ano na comarca do Barbanza 1.288 prazas entre campamentos, minicampamentos Coñece Galicia, campos de voluntariado e uso de instalacións por entidades xuvenís e actividades de ocio alternativo.

Durante a visita comprobou as melloras realizadas nos dous complexos, co obxectivo de ofrecer “unhas instalacións mellor equipadas, seguras e adaptadas ás necesidades dos participantes”. As diferentes actuacións levadas a cabo en ambas instalacións ascenderon a máis de 150.000 euros.

Albergue Xuvenil Virxe do Loreto de Porto do Son

No Albergue Xuvenil Virxe do Loreto de Porto do Son entre os traballos realizados, por un importe de case 50.000 euros, destacan o pintado das fachadas exteriores, a execución de actuacións de fontanaría, así como labores de poda sanitaria e tala da vexetación existente. Ademais, procedeuse á reparación das tendas de campaña e á substitución das lúas de distintas dependencias, concretamente nos cuartos de enfermería e nos baños.

No relativo á dotación de equipamento, adquiríronse cinco lonas para tendas de campaña e cincuenta fundas para colchonetas. Tamén se instalaron estores na sala de actividades e renovouse parte do mobiliario coa incorporación de catro camas, dúas liteiras e un sofá de tres prazas.

Así mesmo, reforzouse o equipamento destinado aos servizos de cociña mediante a adquisición dunha vatedora industrial e dun abrelatas industrial, completándose as melloras cun novo altafalante portátil para o desenvolvemento das actividades programadas.

No caso do Albergue Virxe do Loreto desenvolverase o campamento Natureza xunto ao mar con catro quendas de 10 días cun total de 480 prazas. Ademais, tamén se oferta unha cesión de usos das instalacións por entidades xuvenís para desenvolver programas de lecer educativo e de tempo libre durante a campaña de verán 2026 do 26 de agostos ao 4 de setembro. Este campamento conta cunha oferta total de 600 prazas.

Campamento de Espiñeira de Boiro

No campamento de Espiñeira de Boiro entre as actuacións realizadas, por un importe de case 105.000 euros, destacan o acondicionamento integral da instalación eléctrica, así como a colocación de nova iluminación e focos na pista deportiva. Así mesmo, instalouse un sistema de toldos verticais para o peche do pórtico do comedor, mellorando a súa funcionalidade e aproveitamento.

Tamén se acometeu a adecuación da entrada do campamento e a limpeza do camiño de acceso, xunto coa substitución do peche de entrada e da persiana metálica do comedor.

Ademais, leváronse a cabo traballos de limpeza do tellado e dos canlóns, o pintado das reixas de todas as ventás e portas metálicas e actuacións de pintura interior na casa da xerencia. As tarefas de mantemento completáronse con labores de poda sanitaria e tala da vexetación e coa reparación das tendas de campaña.

No ámbito do equipamento, o campamento incorporou dúas lonas para tendas de campaña e corenta fundas para colchonetas, ademais de renovar parte do mobiliario coa adquisición de catro camas e catro colchóns. As melloras completáronse coa incorporación dunha lavadora, unha secadora, novo enxoval, dous carros de cociña e 92 cadeiras apilábeis multiúsos. Ademais, colocáronse papeleiras no exterior das instalacións, contribuíndo a reforzar a limpeza e a sustentabilidade do recinto e un novo cartel de denominación do campamento.

“Estas actuacións permiten seguir avanzando na renovación e conservación destes campamentos, garantindo espazos máis cómodos, seguros e axeitados para o desenvolvemento das actividades xuvenís”, explicou Belén do Campo, engadindo que o campamento Espiñeira acollerá a actividade Candilexas (4 quendas – 480 prazas) en quendas de 10 días. Ademais a proposta Talentia ofertará unha quenda de 10 días de 18 prazas. Este albergue conta tamén cunha cesión de usos das instalacións por entidades xuvenís para desenvolver programas de lecer educativo e de tempo libre durante a campaña de verán 2026 do 26 de agosto ao 4 de setembro . En total, este recinto ofertará 618 prazas.

En conxunto, entre ambas instalacións, ofreceranse preto de 1.218 prazas.

Campaña Modo Verán Activo Barbanza

A delegada da Xunta destacou que na comarca do Barbanza ofñertanse en total 1.288 prazas entre as catro modalidade incluídas dentro da campaña Modo Verán Activo, das cales 978 son prazas nos campamentos de Virxe de Loreto e Espiñeira para nenos entre 9 e 17 anos.

Ademais, dentro da convocatoria de Minicampamentos Coñece Galicia, que se desenvolven en aloxamentos turísticos de toda Galicia, para nenos de entre 9 e 12 años, en quendas de 5 días de luns a venres, concretamente, na comarca do Barbanza ofertase o hotel Portofino en Porto do son, para a actividade o Son das Furnas, con dúas quendas de 20 prazas no mes de xullo.

Os Campos de Voluntario tamén na comarca do Barbanza ofertan un campo de voluntariado en Boiro Amicos con 15 prazas do 12 ao 23 de xullo, e outro en Outes, Lembrando a nosa pegada, nas mesmas datas e coas mesmas prazas para a mocidade de entre 18 e 30 anos.

E finalmente 240 prazas dentro da cesión de instalacións a entidades xuvenís para desenvolver programas de lecer educativo e de tempo libre durante a campaña de verán 2026 tamén nos albergues de Virxe de Loreto e Espiñeira.

Outros artigos

A Casa RIA celebra en Santiago o seu segundo aniversario

A sede da Casa RIA en Santiago acolleu este 1 de xullo pola tarde a celebración do segundo aniversario da materialización desta sede na rúa Virxe da Cerca, sede da Fundación RIA: entidade envorcada en reivindicar a tradición arquitectónica, produtiva, social, cultural...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Alugueres sociais” – José Manuel Pena

“Alugueres sociais” – José Manuel Pena

España conta cunhas 40.000 persoas sen fogar. Un millón e medio familias viven en infravivendas. Dentro da Unión Europea, só Bulgaria e Letonia presentan indicadores de desigualdade máis altos que España. Segundo datos estatísticos da AEAT e do INE, a metade da...

“Matemáticas y Filosofía” – José Castro López

“Matemáticas y Filosofía” – José Castro López

Las universidades gallegas presentaron las ofertas docentes intentando responder a las demandas de los estudiantes y del mercado laboral en este tiempo en el que los perfiles profesionales son cada vez más transversales. En ese contexto llama especialmente la atención...