A Xunta de Galicia deu luz verde ambiental ao Plan Especial de Reforma Interior (PERI) do polígono número 8 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Ribeira, número que identifica as instalacións da antiga Factoría Busóns e logo propiedade de CONGALSA, en pleno barrio histórico do Pombal (na rúa Romero Ortiz). O obxectivo é trasladar o uso industrial preexistente no mesmo fóra da trama urbana co fin de crear novo solo residencial.

O informe ambiental estratéxico (IAE) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e publicado este mércores 10 de xuño mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia establece que” non se prevé que o referido plan teña efectos ambientais significativos sempre que se cumpran e atendan as condicións incluídas na propia resolución en cuestións relacionadas coa integración paisaxística, a protección dos valores do patrimonio cultural, a zonificación acústica ou os servizos básicos”.
O obxecto deste plan é desenvolver o polígono 8 de solo urbano non consolidado do PXOM de Ribeira nunha zona céntrica e cun elevado nivel de edificación. Trátase dunha parcela de orixe industrial que co paso dos anos foi quedando rodeada dunha trama residencial densa e na actualidade se atopa en desuso.
O PERI empezou a tramitarse para ordenar este ámbito, o que requirira do traslado da antiga factoría de elaboración e transformación de peixe, xunto ao Pazo de San Lourenzo, na parroquia de Santa Uxía de Ribeira.
A superficie incluída no PERI abrangue un total de 5.436,70 m2, tras excluír unha pequena superficie na parte nordeste que non pertencía á parcela industrial. Na zona norte, xunto ao pazo, proponse un bloque residencial en forma de L; no borde sueste, prevese unha reserva de equipamento; e proponse tamén unha zona verde entre a edificación residencial e a rúa Pero Meogo, ao oeste do ámbito.




