A Ruta dos Viños Mareiros inaugura en Boiro as Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia

16 Xuño 2026


O Pazo de Goiáns (Boiro) acolleu este martes 16 de xuño a primeira das Xornadas das Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia, unha iniciativa que busca promover unha nova forma de descubrir Galicia a través dos seus territorios vitivinícolas, conectando viño, gastronomía, patrimonio e paisaxe baixo unha proposta común.

A primeira cita do programa estivo dedicada á IXP Barbanza e Iria, coa presentación da súa Ruta dos Viños Mareiros, un itinerario que pon en valor a estreita relación entre o viño, o mar e a identidade cultural dun territorio marcado pola influencia atlántica.

A xornada, organizada polos GDR Deloa e Salnés-Ulla-Umia, reuniu, entre as sesións de maña e tarde, a preto de cen persoas, entre representantes institucionais, profesionais da hostalería e do turismo, adegas, viticultores, prescritores, persoal técnico dos Grupos de Desenvolvemento Rural e público xeral.

A programación arrancou cunha reunión de traballo orientada á creación e fortalecemento da Rede de Colaboradores das IXP de Viño de Galicia, na que participaron adegas e representantes dos distintos territorios implicados no proxecto.

Posteriormente celebrouse o acto institucional de apertura, no que participaron José Ramón Romero García, alcalde de Boiro; Juan Manuel Vidal Seage, presidente do GDR Salnés-Ulla-Umia; José María Tobío, xerente do GDR Pontevedra Morrazo; quen destacaron o potencial do enoturismo como ferramenta para a valorización do territorio, a dinamización económica do rural e a promoción dos viños das IXP galegas.

Durante a súa intervención, o xerente do GDR Pontevedra-Morrazo, entidade coordinadora do proxecto, contextualizou os obxectivos desta iniciativa de cooperación, que busca consolidar unha oferta enoturística diferenciada arredor das cinco IXP vitícolas de Galicia e reforzar a súa visibilidade no mercado.
Un dos momentos centrais da xornada foi a presentación da Ruta dos Viños Mareiros, a cargo do antropólogo Rafael Quintía, quen explicou as claves dun itinerario enoturístico e cultural de dous días de duración que conecta as tres adegas da IXP Barbanza e Iria con diversos recursos patrimoniais, paisaxísticos e culturais da comarca.

Rafael Quintiá no seu relatorio

A sesión da mañá completouse cunha cata comentada dirixida por Luís Paadín e Víctor Paadín, na que os asistentes puideron descubrir as características dos viños da IXP acompañados por unha selección de produtos gastronómicos locais.

Luis Paadín na súa intervención

Ao longo da xornada tamén permaneceu aberto un espazo expositivo dos itinerarios e dos viños, no que participaron as adegas Entre os Ríos, Castellum Augusti e Cazapitas, achegando ao público unha mostra da diversidade e singularidade dos viños elaborados neste territorio.

Xa pola tarde, a actividade trasladouse ao propio territorio coa realización dunha visita guiada por algúns dos principais recursos incluídos na ruta. Esta experiencia permitiu ás persoas participantes coñecer de primeira man os lugares, paisaxes e elementos patrimoniais que conforman a proposta enoturística da IXP Barbanza e Iria.

A xornada concluíu cunha nova cata comentada e maridada con produto local, reforzando unha das ideas centrais do proxecto: “Que os viños das IXP son tamén unha porta de entrada para descubrir a cultura, a gastronomía e a identidade dos territorios onde nacen”, sinalaron os asistentes, salientando que os viños da IXP Barbanza e Iria caracterízanse polo seu perfil atlántico, con elaboracións lixeiras, frescas e equilibradas, de aromas florais e afroitados e cunha marcada expresión do territorio, resultado da interacción entre o clima, a paisaxe e o saber facer das súas adegas e viticultores.

As Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia forman parte do proxecto de cooperación “Desenvolvemento do Enoturismo nas IXP de Viño de Galicia”, promovido polos Grupos de Desenvolvemento Rural Pontevedra-Morrazo (coordinador), Deloa, Mariñas-Betanzos, Comarca de Ourense, Salnés-Ulla-Umia e Montes e Vales Orientais, en colaboración coa Asociación das IXP de Viños de Galicia, as adegas, os viticultores e outros axentes dos cinco territorios participantes.

A iniciativa está financiada ao abeiro da intervención LEADER do PEPAC 2023-2027, co apoio do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).

Tras a cita de Boiro, o programa continuará nas próximas semanas coas presentacións das rutas da IXP Val do Miño-Ourense, IXP Betanzos, IXP Ribeiras do Morrazo e IXP Terras do Navia, completando así un percorrido por cinco territorios que comparten unha mesma filosofía: descubrir Galicia a través dos viños que falan dela.

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.